
Un total de 177 adegas e empresas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de viños, augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade participan nas catas oficiais que organiza a Consellería do Medio Rural xunto cos diferentes consellos reguladores deste 2025.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe ás precatas (selección previa) que se desenvolven no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón). Corresponden á XXXVII Cata dos Viños, á XXVII Cata das Augardentes, á XIV Cata dos Licores de Herbas, Licor Café e Augardente Envellecida, e á XII Cata das Augardentes de Herbas. O proceso selectivo iniciouse o pasado día 30 de setembro, coa recollida das 445 mostras de viño (310 de branco e 135 de tinto), correspondentes a 165 adegas; e das 40 de augardentes e licores, correspondentes a 12 empresas, que participan este ano no certame.
As precatas dos viños das DO prolongaranse ata este mércores e correrán a cargo de catadores dos propios paneis de cata dos consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras, entre eles está o valdeorrés Pablo Estévez. As precatas do resto de categorías e as catas finais realizaranse do 21 ao 23 deste mes de outubro, por parte de catadores, sumilleres, enólogos e profesionais vinculados ao sector, pero que non pertencen aos paneis das denominacións de orixe. Pola súa banda, as augardantes e licores tradicionais cataranse o 20 de outubro.
Anonimato das mostras
Para garantir o anonimato das mostras, as botellas de viño introdúcense nunha bolsa opaca negra e sinalízase cun número correspondente á fase da precata. Os 6 viños de cada denominación de orixe seleccionados nesta fase de precata, cataranse na cata final con outra numeración. A correlación entre os dous números permanece en secreto, custodiada pola secretaria do xurado.
As mostras de augardentes e licores de Galicia recóllense nas botellas proporcionadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, de vidro transparente con capacidade para 3/8 de litro, e tamén se catan con distinta numeración na fase de precata e na cata final.
Para a valoración por parte dos catadores, facilítaselles unha tablet cargada cun software especialmente deseñado para esta finalidade, no que se valoran as características das mostras nas diferentes fases visual, olfativa e gustativa, cunha apreciación global ao remate do proceso. No caso dos espumosos, avalíase ademais a efervescencia.

Promoción e recoñecemento
Con estas catas, a Consellería do Medio Rural salienta a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.
A entrega de premios realizarase no mes de novembro en Santiago de Compostela, nunha gala na que se porán en valor as calidades dos nosos viños, así como a profesionalidade do sector.