EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Un total de 31 viños da D.O. Valdeorras, 23 deles de godello, na 31ª feira alemá ProWein

Expositor da D.O. Valdeorras en ProWein./ Cedida.

 

A Denominación de Orixe Valdeorras completa neste martes a súa participación na 31ª edición da feira alemá ProWein, “a cita máis internacional das que asiste o Consello Regulador e á que veñen profesionais de todo o mundo”, tal e como indica o presidente deste órgano Marcos Prada.

Ademais resalta que este ano a asistencia a esta feira cobra, se cabe máis valor, porque “sen dúbida é o mellor escenario para establecer contactos con diferentes países”, e, tendo en conta o contexto actual, “é importante expandirse noutros lugares para ter unha base sólida en caso de que faga falta”.

A considerada como feira número un para o sector do viño e as bebidas espirituosas, que cobre o mercado mundial completo, abría a súas portas o pasado domingo co eco dunha nova amenaza arancelaria de Estados Unidos, esta vez sobre a venda de viño a este país.

Ademais nela a D.O. Valdeorras comprobaba o resultado de traballo de promoción do produto que se vén realizando desde a D.O. Valdeorras desde fai anos. “Hai moita xente que se achega ao stand coñecendo que facemos, coñecendo Valdeorras e o seu Godello, sabendo quen está detrás elaborando esos viños”, explica Marcos Prada.

ProWein é “unha feira que alberga un volume de xente tres veces máis grande que outras feiras”, polo que “aumentan tamén as oportunidades de darnos a coñecer”, engade o director técnico da D.O., Jorge Mazaira.

Durante os tres días de duración da feira, 31 viños (23 deles viños brancos da variedade Godello e o resto de variedades tintas) de 17 adegas amparadas, expuxéronse a moi variados perfís de públicos diferentes. “Os resultados do traballo que fixemos nestes tres días verase reflectido ao longo do ano nas adegas que viñemos a representar desde a D.O. Valdeorras, agardo que moi positivamente”, conclúe Marcos Prada.

Back to top button