ConcellosEn portadaManzanedaParada de SilSan Xoán de RíoTrivesÚltima horaViana do BoloVilariño de Conso

Un total de 41 proxectos optan ás axudas do GDR Sil-Bibei-Navea

"Nesta convocatoria trianual (2026-2027-2028) este grupo dispón de 1.476.308,52 euros, sendo o segundo grupo dos 24 de Galicia que dispón de máis fondos, polo que agarda poder comprometer o 100% do orzamento", indica o seu presidente

 

Unha vez pechada a data de entrega de proxectos para ser baremados e optar a unha axuda da Intervención Leader 2023-2027 – Convocatoria 2026 (que se canalizan a través da Consellería de Medio Rural (AGADER) e que concretan os grupos de desenvolvemento rural), un total de 41 presentábanse no GDR Sil Bibei Navea. Unha cifra coa que esta entidade amosa a súa “total satisfacción”.

“Presentáronse cuarenta e un proxetos en total dos que 23 son proxectos produtivos de iniciativa privada, 17 proxectos non produtivos de iniciativa pública, estes presentados polos concellos e un non produtivo presentado por unha entidade privada. Nesta convocatoria trianual (2026-2027-2028) este grupo dispón de 1.476.308,52 euros, sendo o segundo grupo dos 24 de Galicia que dispón de máis fondos, polo que agarda poder comprometer o 100% do orzamento”, tal e como informa o presidente do GDR Sil-Bibei-Navea, Paco Magide.

Nesta convocatoria os proxectos “son do máis variado”, prosegue Magide, “pois van dende instalación de puntos de recarga rápida para vehículos, ata centros de coworking, pasando por vivendas rurais en distintas modalidades, servizo de videoasistencia e acompañamento a persoas maiores, un parque multiaventura, máquina para ebanistería, ximnasio ou desenvolvemento de deseño packaging en tenda de aldea, ou un complexo ecosaudable…”.

Neste senso, o presidente expresa o seu agradecemento e incide na eficacia do equipo técnico do GDR, “que foi quen de rexistrar os proxectos Agora deberán levantar actas de non inicio desprazándose e tomando fotografías nos distintos lugares para comprobar que non se comezou a obra, e logo despois de analizar a documentación aplicar o baremo establecido na estratexia en 2024 e aprobado por AGADER”.

O ámbito de actuación do GDR correspóndense cos concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

Back to top button