Esta mañá daba comezo en Verín a segunda edición do curso de formación en Internet e telefonía móbil dirixido ás persoas maiores da localidade, organizado polo Concello de Verín a través do proxecto “Cara a Conquista do Benestar” e enmarcado no programa Voluntariado Sénior da área de Benestar Social. Unha trintena de maiores participarán nesta iniciativa, que busca seguir reducindo a brecha dixital xeracional e mellorar a calidade de vida deste colectivo.
O obxectivo principal do curso é proporcionar aos participantes os coñecementos necesarios para utilizar de forma autónoma e segura dispositivos móbiles, como smartphones e tablets, mellorando así o seu acceso á información, a súa interacción nas redes sociais e a súa capacidade para realizar xestións administrativas, financeiras e de saúde.
Durante o curso, os asistentes aprenderán a realizar accións básicas, como facer chamadas, enviar mensaxes, gardar contactos e sacar fotos, ademais de navegar por Internet e utilizar aplicacións específicas para maiores. A formación segue unha metodoloxía práctica, na que os participantes traen os seus propios dispositivos, facilitando a aprendizaxe diaria.
Colaboración coa Garda Civil de Verín
Como parte do programa, a Garda Civil de Verín tamén participará impartindo charlas informativas sobre a seguridade en Internet, abordando temas como a prevención de delitos informáticos, a protección da identidade dixital e a seguridade nas operacións bancarias en liña, un aspecto clave ante o crecemento da banca dixital. Estas sesións buscan concienciar aos maiores sobre os riscos asociados ao uso da tecnoloxía e axudalos a previr fraudes e estafas.