
Dezaoito candidatos optan neste ano 2025 aos XI Premios Bioga, convocados pola Agrupación industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias de Vida (Bioga) un ano máis “para incentivar o desenvolvemento de proxectos empresariais vinculados á biotecnoloxía, recoñecer o labor das empresas máis competitivas e innovadoras do ámbito das ciencias da vida, valorar o talento dos emprendedores e promover a xeración de novas iniciativas”.
A Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), apoia esta iniciativa, na que 18 proxectos e empresas biotech de Galicia buscarán facerse cos premios á Bioempresa Innovadora, Bioempresa Xove e Bioidea Empresarial. Por áreas xeográficas, nove candidatos teñen a súa sede en Santiago de Compostela e a súa área de influencia (Bertamiráns, Milladoiro e *Órdes); dous na cidade da Coruña; cinco en Vigo e a súa contorna (Mos); e outros dous proxectos están situados na provincia de Ourense: no Barco de Valdeorras e no Carballiño.
O Biopolo Sionlla, en Santiago de Compostela, acollerá o próximo 24 de xaneiro de 2025,
a Gala de entrega dos XI Premios Bioga, acto organizado por Bioga e a Axencia Galega de Innovación. Este ano colaboran con este evento ABANCA, IFFE Business School, o proxecto Iberobio e a compañía biotech SunRock Biopharma.
Os XI Premios Bioga, únicos premios autonómicos de recoñecemento á consolidación empresarial, talento e innovación no sector, contan con tres modalidades. Bioempresa Innovadora, Bioempresa Xove e Bioidea Empresarial. A primeira modalidade recoñece ás empresas de máis de 5 anos de traxectoria que acrediten un elevado impacto, un destacado grao de innovación e de xeración de valor. O galardón á empresa nova está destinado a firmas innovadoras de menos de cinco anos de vida e con potencial de crecemento. E na terceira modalidade teñen cabida os proxectos non constituídos que conten con potencial de desenvolvemento e impacto social.
José Manuel López Vilariño, presidente de Bioga, asegura que o abano de proxectos que acoden este ano aos XI Premios Bioga “dá idea da riqueza e diversidade do ecosistema no que se move e desenvolve a biotecnoloxía de Galicia”. Neste inicio do ano 2025, o máximo responsable do Clúster destaca que “o futuro do sector biotecnolóxico galego preséntase cheo de oportunidades, de ilusión, de esperanza e de moito traballo”. E desexa a todos os axentes do ecosistema un novo ano “cheo de ideas e novos proxectos” para seguir construíndo un sector biotech “dinámico, vangardista e competitivo”
O xurado que elixe aos premiados está formado pola xunta directiva de Bioga, representantes das universidades galegas, un representante das Fundacións Biomédicas, un representante da Axencia Galega de Innovación e os gañadores dos X Premios Bioga: SunRock Biopharma, Granja Campomayor, BFlow e o proxecto CanTher.
Os candidatos que optan aos XI Premios Bioga son:
Resolva. (A Coruña) Proxecto que desenvolve un tratamento para os brotes agudos de pinga e outras inflamacións articulares a través de lípidos endóxenos que facilitan a resolución en fases aguda e crónica da inflamación.
Pensan. (O Carballiño. Ourense) Proxecto que desenvolve un material innovador de celulosa avanzada con propiedades superiores de illamento térmico e resistencia ao lume.
Newmind. (O Barco de Valdeorras. Ourense) Proposta que busca converter o desperdicio do mexillón en produtos deportivos de alto valor.
Proxecto CINBIO I. (Vigo) Proxecto que investiga un potencial tratamento do cancro de mama tripla negativo a través dunhas nanovesículas que restablezan niveis dunha conexina con papel senolítico.
Proxecto CINBIO II. (Vigo) Proxecto que busca tratar a osteoartritis a través dun mecanismo molecular baseado nunha conexina con papel senolítico.
Proxecto Grupo de Física Non Lineal-Vertixe Posicional Paroxístico Benigno. (Santiago de Compostela) Proxecto baseado na análise matemática non invasivo que se expón como tratamento á Vertixe Posicional Paroxístico Benigno (VPPB).
ACE-Spinoff Gradiant. (Vigo) Sistema de Soporte á Decisión Clínica para a selección de produtos para o tratamento local de feridas crónicas curables a partir de IA.
BioDigital Therapeutics. (Ordes. A Coruña) Esta iniciativa desenvolve solucións de medicina de precisión baseadas en IA que optimizan cada etapa do ciclo de atención médica.
Diversa Technologies. (Santiago de Compostela) Empresa que desenvolve nanotecnoloxía para a liberación controlada de fármacos e biomoléculas terapéuticas.
Health Biolux. (A Coruña) Empresa de bioimpresión que desenvolve microtejidos e órganos vascularizados.
Genomepleio. (Milladoiro. Ames. A Coruña) Plataforma dixital destinada ao persoal clínico médico e odontolóxico que facilita o diagnóstico de patoloxías de base xenética en clínica.
Nowture. (Santiago de Compostela) Venture Builder especializada en construír compañías emerxentes en estados temperáns de base biotecnolóxica.
Smart Vitamins. (Santiago de Compostela) Spin off da USC baseada en tecnoloxía patentada para a utilización de nanovesículas intelixentes que combinan a capacidade de liberación tanto de nutrientes esenciais como de fármacos.
Sortcell Analytica. (Vigo) Empresa desarrolladora dun equipo capaz de illar células tumorales circulantes sen necesidade de axentes externos como fluoróforos.
FlowReserve Labs. (Santiago de Compostela) Solución de automatización de imaxe médica baseada en IA.
ODS Protein. (Mos. Pontevedra) Proxecto que desenvolve micoproteína derivada da fermentación de fungos filamentosos e que actúa como alternativa sostible fronte ás proteínas convencionais.
Biostatech (Milladoiro. Ames. A Coruña). Esta compañía ofrece asesoramento, formación e innovación en bioestadística.
Healthinfoods. (Santiago de Compostela) Empresa de desenvolvemento e fabricación de ingredientes innovadores para a industria alimentaria con apoio aos fabricantes para satisfacer as demandas do consumidor, funcionalizando alimentos sen alterar as súas propiedades organolépticas.