EconomíaEconomíaÚltima hora

Unha empresa ourensá instalará paneis solares en 3 centros de saúde lucenses, entre eles o de Quiroga, e no CIS da Residencia

Ademais Solgaleo acaba de sumar unha nova certificación, concedida por Applus+ como garantía do seu sistema de xestión ambiental

Instalación fotovoltaica dimensionada e instalada por Solgaleo.

 

O Centro Integral de Saúde (CIS) da Residencia de Lugo introducirase na enerxía verde e no aproveitamento da enerxía solar mediante a tecnoloxía e coñecemento do grupo ourensán Solgaleo. Esta será a empresa encargada da subministración, instalación e posta en funcionamento de paneis solares fotovoltaicos en réxime de autoconsumo sen excedentes neste centro. A potencia instalada alcanzará 63,2 quilowatts pico.

O contrato mixto do proxecto técnico, subministración e instalación de paneis solares neste Centro Integral de Saúde da Residencia forma parte dunha licitación financiada con cargo a fondos Next Generation UE que inclúe actuacións similares en varios centros de saúde da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, e na que competiron 12 licitadores, entre eles grupos construtores e enerxéticos con actividade nacional e internacional.

Solgaleo foi a adxudicataria do segundo lote de maior importe, correspondente á instalación de paneis solares fotovoltaicos no pioneiro CIS da Residencia (Lugo) e, ademais, nos centros de saúde de Viveiro, Burela e Quiroga. O de Viveiro contará para autoconsumo cunha potencia instalada de 18,6 quilowatts pico, mentres que nos de Quiroga e Burela están previstos 17,6 quilowatts pico en cada un deles.

Germán Rodríguez-Saá, presidente e conselleiro delegado de Solgaleo, asegura que esta adxudicación “achega diversificación ao noso portfolio e á carteira de pedidos, despois de desenvolver proxectos enerxéticos de relevo en sectores tan diferentes como o industrial e o do ensino; pero ademais engade especialización e sitúanos no camiño de sumar potencial para lograr os obxectivos en crecemento sostible”.

A enerxética galega que preside Rodríguez-Saá acaba de obter de Applus+ a certificación en sistema de xestión ambiental para o deseño e instalación de enerxías renovables.

Artigos relacionados

Back to top button