
Representa ao escritor sentado nun banco da Praza de Compostela de Vigo. O valdeorrés Pedro Dobao inmortaliza dese xeito ao autor de novela negra Domingo Villar nunha escultura que se descubría esta mañá nun organizado polo Concello nese lugar da cidade.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recalcaba que Domingo Villar foi “a crónica dun éxito excepcional”. A familia do autor, a primeira tenente de Alcaldía, Carmela Silva e o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, participaron na descuberta da figura este mércores, xunto ao escultor Pedro Dobao
Caballero lembrou a transcendencia da Alameda de Vigo na existencia e historia persoal de Villar. “Vivir nesta alameda é vivir no mar, porque isto era o mar e é un privilexio que Domingo coñecía e gozaba”. O alcalde retratou ao literato como “unha persoa marabillosa, amigo dos seus amigos, cunha alma inmensa, e moi xeneroso polo apoio prestado a quen, coma el, querían ser escritores, como Pedro Feijóo”.

Pedro Dobao, natural de Arnado (Vilamartín de Valdeorras), recibía tamén a felicitación do rexedor pola obra que inmortaliza a presenza de Domingo Villar en Vigo. “Domingo para sempre permanecerá como unha parte da historia da cidade”, sinalou Caballero, asegurando que a inauguración do monumento “é un gran momento porque Villar está aquí para sempre, na súa cidade”.
A familia do escritor agradeceu ao Concello a escultura que fai posible que Domingo Villar permaneza para sempre na memoria e recordo da cidadanía viguesa de presentes e futuras xeracións.