En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Unha exposición, broche das XVIII Xornadas Micolóxicas do Club Montaña Trives

Incluía exemplares de ata 70 especies diferentes e podía visitarse na mañá do 12 de novembro no patio interior da Casa Grande de Trives

En torno ao mundo dos cogomelos xiraba a fin de semana do 10 ao 12 de novembro na vila trivesa. Ao longo destes tres días desenvolvíase o programa das XVIII Xornadas Micolóxicas do Club Montaña Trives que incluía ademais, por terceiro ano consecutivo, un Concurso de Tapas Micolóxicas. Era precisamente con estas suculentas degustacións coas que se iniciaban os actos das xornadas na tarde do 10 de novembro. A un prezo de 1,5 euros servíanse tapas en dez establecementos da vila ata o domingo 12 de novembro ás 15h.

Xa o 11 de novembro impartíase ás 9:30h. no Auditorio Julio Vázquez unha charla a cargo dos expertos da Asociación Micolóxica Os Cogordos de Ourense. Ao redor das once realizábase unha saída ao campo na procura de cogomelos e, durante a tarde, procedíase á súa clasificación por especies.

Pese ás chuvias caídas hai uns días, a seca dos últimos meses limitaba o número de exemplares e de especies localizadas. En total eran preto de 70 as que se clasificaban e se expoñían ao público na mañá do domingo 12 de novembro no patio interior da Casa Grande de Trives. A parte de determinar a súa tipoloxía, os expertos de Os Cogordos matizaban se eran comestibles ou non e o seu grao de interese culinario, no caso de selo.

O programa das xornadas incluía tamén unha cea gourmet o sábado 11 de novembro a partires das 21:30h. no Hostal La Viuda da vila. Unhas 32 persoas degustaban unha serie de pratos cun marcado selo micolóxico: fabas con cogomelos, pementos recheos de cogomelos, fideguá con cogomelos e carne acompañada tamén por estes froitos do bosque.

Máis información e fotos sobre o III Concurso de Tapas Micolóxicas:
https://osil.info/fogar-porco-bravo-manolos-gana-iii-concurso-de-tapas-micoloxicas-de-trives/

Artigos relacionados

Back to top button