A Feira do Viño de Quiroga mira ás súas orixes. A aquel ano 1980 onde comezaba todo. Era un 11 de novembro, “pasado por auga pero con grande animación”, segundo as crónicas da época, onde a mostra se desenvolvía na Praza Maior da vila e tiña como pregoeiro ao poeta do Courel, Uxío Novoneyra.
A súa figura, xunto á doutras persoas que foron precursores do que hoxe é a Feira do Viño de Quiroga, eran obxecto dunha sentida homenaxe, acompañada da inauguración dunha exposición gráfica das primeiras edicións da mostra, que tiña lugar esta tarde na Casa da Cultura da vila. Era un dos primeiros actos da programa desta 43 edición da feira e con el buscábase “difundir o legado dos pioneiros e organizadores desta mostra e manter viva a súa contribución á historia da nosa vila”.
Nesta celebración tomaba a palabra o tenente de alcalde de Quiroga, Vicente Parra, quen facía un percorrido por citas de diferentes autores e poetas, ao longo do tempo e de diferentes lugares, remantando nalgúns galegos como Rosalía de Castro. “A inspiración do viño é como unha chuvia inesgotable e fecunda”, destacaba. E continuaba con exemplos de como o viño impregna diversos recunchos da cultura ata o punto de poder falar da “cultura do viño. E é que o viño sempre estivo aí como metáfora perfecta de todo o que somos e que sentimos”.
Ademais, Parra lembraba que na Subzona Quiroga-Bibei concéntrase máis do 50% da produción da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. E aludía ao traballo e arte dos viticultores e adegueiros para elaborar este produto. “Do seu bo facer e esmerados coidados é precisamente o viño o seu primeiro e máis importante testemuña porque o viño nunca minte”. Tamén incidía o tenente de alcalde quirogués en que organizar unha feira do viño non é tarefa doada se se quere que sexa un éxito, “é obriga compromiso e orgullo dos organizadores tomar o relevo dos que tan dignamente nos precederon para que este acontencemento tan singular non só conserve a súa esencia orixinal, senón que evolucione e explore novos camiños que afiancen esta Feira do Viño de Quiroga como cita de referencia no calendario festivo galego”.
Vicente Parra continuaba resaltando que, “dende aquí queremos sentir unha sentida e sinceira homenaxe a aqueles pioneiros e colaboradores que o 11 de novembro de 1980 sementaron a semente dunha das feiras do viño máis emblemáticas de Galicia. Eles foron capaces de albiscar o futuro, alomenos de soñalo”.Por iso esta 43ª edición “da feira tamén é obra súa. Este exercicio de memoria non só é un acto de reparación, é un brinde ilusionado a estas novas xeracións comprometidas con ese labor”.
E reivindicaba que a Feira do Viño de Quiroga “é a primeira que se organizou en toda a Ribeira Sacra, polo tanto, a máis antiga. Grazas a todos eles por sinalarnos tan grande e apaixoante camiño. E a feira durará o que dure o amor e a ilusión polo noso viño, polo noso pobo e pola nosa xente”.
Así, no decurso da homenaxe, cuxa presentación corría a cargo de Rosa, facíase entrega dunha serie de distincións aos pioneiros da feira “por ser os seus verdadeiros impulsores en 1980 e sentar as bases desta festa, que hoxe segue a manter a mesma esencia”. Neste apartado, os homenaxeados eran a familia de José Morales, Manuel Cardenal e a familia de Hilario González.
A maiores destes tres pioneiros, nestas edicións iniciais tamén participaban outras persoas que recibían o agradecemento da organización da feira, “polo seu traballo para que a mostra fose medrando”. Eran a familia de Cesareo Castro, a familia de Miguel Ferrero, a familia de José Antonio Rodríguez (colaborador e pregoeiro en 1983), José Muñoz, Domingo Guntiñas, Emilio Quiroga, José Cerrato (quen non puido asistir) e José Luis Rivera.
Así mesmo, facíase un recoñecemento ao apoio a este certame nos primeiros anos a outras persoas como a familia de Uxío Novoneyra, “por ser o primeiro pregoeiro e ter moi presente na súa obra literaria o viño de Quiroga”. No acto tomaba palabra un dos fillos de Uxío Novoneyra, quen destacaba a importancia desta homenaxe para a veciñanza de Quiroga, e nomeaba a algunhas das numerosas persoas da zona que coñecía, tamén reciraba os últimos versos do pregón que o seu pai pronunciara na feira de 1980 e que remataban: “Quiroga é un viño”.
Ademais eran recoñecida a familia de Francisco Teijeiro, alcalde de Quiroga entre 1975 e 1983, e Antonio Mejía, rexedor quirogués entre 1983 e 1987.
Despois da homenaxe, ás 21h. abría as súas portas o recinto feiral da mostra, no que poderán catarse, ao longo da fin de semana, os viños, tanto brancos como tintos das 13 adegas participante nesta edición: Alma das Donas, Algueira, Atrium Vitis, EDV Viticultores, Alvaredos –Hobbs, Lar de Ricobao, Rectoral de Amandi, Casa de Outeiro, Val de Quiroga, Adega Gullufre, Pazo de la Cuesta e Adamare Wines e Adega Salvadur de Vilachá.
Fotos: Carlos G. Hervella.