O Concello de Ourense súmase ás celebracións do Día do Orgullo LGTBIQ+ cunha mesa informativa emprazada na rúa do Paseo (fronte á sala Valente) de 10:00 a 13:30 horas, e na que se desenvolverá a campaña “Like pola diversidade” que pretende potenciar o respecto á diversidade sexual na rede e contribuír á difusión de contidos que promovan a visibilidade e respecto pola diversidade. Este espazo estará compartido polo centro Quérote + da Xunta de Galicia e polo Concello de Ourense, e no mesmo haberá material informativo para atención e asesoramento ao colectivo LGTBIQ+.
Desde a mesa poderanse mandar mensaxes escritas e gravar pequenos vídeos para difundir nas redes sociais, unha acción directa no eido virtual coa que se busca potenciar as mensaxes positivas por parte da cidadanía ao tempo que pór en valor os dereitos do colectivo LGTBIQ+. A Casa do Concello de Ourense loce, ademais, as cores da bandeira multicolor que tamén estarán iluminando a ponte romana esta mesma noite desde as 22:00 horas para sumarse ás accións de apoio ao Día do Orgullo.
O Concello de Ourense solicitoulle ao centro Quérote +, para o inicio do calendario escolar, senllos obradoiros sobre sexualidade e diversidade dentro da programación da Escola Familiar, dirixido a que as familias saiban como orientar, acompañar e axudar os seus fillos na procura da súa madurez sexual e identificando sen complexos a súa orientación sexual.
Tamén desde a concellería de Xuventude, en colaboración co centro autonómico, impartiranse obradoiros sobre identidade sexual: Sexprésate e Divers@s, para mozos e mozas de 14 a 16 anos no marco da programación do Espazo Lusquiños para o inicio do curso académico.
Xornadas da diversidade
Ademais desta mesa promovida polo Concello, os demais colectivos LGTBIQ+ da cidade xa iniciaron hoxe, 27 de xuño, os actos para conmemorar a diversidade. En concreto as II Xornadas da Diversidade arrancaron cun obradoiro de decoración para enfeitar a rúa da Liberdade, rúa escollida polo seu nome para parte das actividades. No Día Internacional do Orgullo LGTBI-Q+, mañá (28 de xuño), ás 20:30 horas, farase unha concentración na Praza Bispo Cesáreo, ao pé de Blanco Amor, cunha leitura de manifesto que mapeará a situación das persoas LGTBI, así como as reivindicacións locais do colectivo. Logo desta actividade proxectaráse unha curta temática na praza Pena Vixía e a seguir, nun ambiente máis festivo, farase a “Ronda da Liberdade” un roteiro foliadeiro e colorido pola rúa co mesmo nome.
As actividades prolónganse cada día até o venres 7 coa festa “Orgulha-te” que dará peche ás Xornadas. Polo medio días de deporte, reivindicación, obradoiros, charlas, proxeccións, mesas redondas e acción de rúa en diferentes prazas de Ourense.