EconomíaEconomíaPizarraSen categorizarÚltima hora

Unha mostra fotográfica achega o sector da lousa á cidade de Lugo

Está promovida polo Clúster da Pizarra de Galicia e poderá visitarse na sala de exposicións do Colexio de Arquitectos de Lugo ata o 26 de novembro

 

O Clúster da Pizarra de Galicia, en colaboración co Colexio de Arquitectos de Lugo e a Xunta de Galicia, vén de inaugurar a exposición “Pizarra”, co arquitecto e profesor da Escola Técnica Superior Universitaria da Coruña, Carlos Quintáns, como comisario da mostra. Pode visitarse na sala de exposicións do Colexio de Arquitectos de Lugo.

“O noso obxectivo é achegar os espazos e o proceso de produción da lousa, á xente”, explicaba Quintáns, “e con esta colección queremos conseguir xerar curiosidade para o público achéguese a coñecer este material”.

A mostra está formada por 22 fotografías da lousa en gran formato, “en diferentes momentos ao longo do ano: con neve, con auga, onde se pode ver o arrastre de terras, e mesmo onde a maquinaria tamén está presente”, conta Quintáns. Desta maneira, “dáse a coñecer un proceso vivo mediante paisaxes de lousa que van cambiando segundo o tipo e lugar de extracción”.

Para este arquitecto, nas canteiras de lousa “existen zonas que son máis interesantes que calquera acción de arte contemporánea”. De feito, explica, “no catálogo da exposición, recóllense representacións en óleo do século XVIII e XIX, para preguntarnos se podemos mirar a lousa a través dos ollos da arte”.

 

 

A mostra

“Quixemos expoñer en Lugo porque é unha zona de lousa e porque é moi importante reflexionar sobre ela desde o lugar no que se extrae”, explicou o seu comisario. Así, despois de pasar por Vigo, Ourense e Coimbra (Portugal), nesta ocasión trasládase ao auditorio e sala de exposicións do Colexio de Arquitectos de Lugo.

De entrada libre e gratuíta, poderá visitarse ata o próximo 26 de novembro, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Fotos cedidas.

Back to top button