
O vindeiro luns 4 de novembro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Monforte de Lemos inaugurarase a exposición “¡Y además dibujan!”, composta por debuxos realizados por nenos en nenas durante a Guerra Civil Española.
A mostra contén 48 traballos arredor da temática da Guerra, a cal estaban a vivir en primeira persoa cativos que, ou ben foron evacuados cara as colonias escolares de Levante, ou ben foron exiliados á U.R.S.S.
Na inauguración, que é aberta para todos os públicos, o alcalde de Monforte estará acompañado polo comisario da mostra, Vladimir Merino Barrera, que é fillo dunha das nenas que tivo que marchar á U.R.S.S. en 1937.
A exposición rende tributo a estes rapaces refuxiados de guerra, que sobre sinxelos papeis fixeron os seus debuxos, e tamén homenaxea ós homes e mulleres que tomaron a iniciativa de socorrer a estes nenos e nenas españois que sufriron directamente o conflito e a separación das súas familias.
O martes 5 de novembro, por iniciativa do grupo de goberno, está previsto que visite a exposición alumnado de 4º da ESO dos centros educativos de Monforte. A exposición permanecerá aberta na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do 4 ó 29 de novembro de 2024.