
Na mañá deste xoves 26 de xuño unha muller resultaba ferida logo de sufrir unha saída de vía co seu coche no municipio de Sober, tal como indican dende o 112 Galicia, explicando que “os bombeiros tiveron que cortar un poste de ferro para poder abrir a porta e sacar á única implicada neste accidente, que foi evacuada en ambulancia ao Hospital de Monforte”.
O 112 Galicia tivo constancia deste suceso contra as 10:15 horas, a través da chamada dun particular que indicaba que “un coche acababa de colidir contra un poste no lugar de Arxemil, pertencente á parroquia de San Martiño de Anllo e que a condutora permanecía no interior do vehículo, consciente pero incapaz de saír”.
Unha vez no lugar, os Bombeiros de Monforte procedían co corte e a retirada do poste para abrir a porta e axudar a saír á muller, que era trasladada ao hospital. No operativo tamén participaban Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Garda Civil de Tráfico.