Veciños das aldeas de Maús, Borrán, Riobóo e Prado, no concello de Vilar de Barrio, e de Freixo e Castrelo, no municipio de San Xoán de Río, veñen de unirse nunha Plataforma na Defensa de Servizos no rural para solicitarlle ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a dixitalización das aldeas de Ourense.
Enviáronlle peticións ao citado ministerio para que “as vivendas do rural poidan contar cos servizos da internet e de dixitalización a nivel de 5G”. Neste sentido, reiteran que no rural “existe xente con coñecementos e con habilidades e con suficiente formación o que se necesitan é instrumentos e a dotación necesaria para poder ser competitivos e para exercer un labor profesional con dignidade”.
Os promotores da iniciativa pretenden que as Administracións Públicas leven a cabo “unhas funcións de xestión e de administración de recursos de forma eficiente e equitativa e desde logo en igualdade de dereitos e de deberes. Ademais solicitan que Adif dote á Estación de Vilar de Barrio dun servizo e unha plataforma técnica de seguimento de seguridade dos tuneles de Porto-Miamán, de Laza, de Campobecerros, de Lubián, etc.