EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Unhas 1.800 persoas festexan a cultura do viño nas XXI Covas de Seadur (Larouco)

 

A partir das 18:30h. da tarde deste Sábado Santo poñíanse en marcha as XXI Covas de Seadur en Larouco. Trátase dunha singular proposta que permite descubrir o engado dun fermoso conxunto etnográfico de antigas adegas soterradas de viño, que hai apenas uns días veñen de ser recoñecidas como Ben de Interese Cultural (BIC). Unhas 1.800 persoas, é dicir o aforo completo, están a participar nesta celebración.

 

 

Neste percorrido poden visitarse unha vintena de covas en cuxo interior, ademais de viños brancos e tintos artesáns, ademais de mencías e godellos das 2 adegas de Seadur (Cova da Xabreira e O Luar do Sil), tamén se desfruta de variados petiscos caseiros, tanto quentes (caldo, as sopas de allo, garavanzos con porco ou orella á grella) como fríos, doces e salgados. E iso nun animado ambiente ao ritmo da música tradicional da man da Agrupación Abertal da Rúa, da Charanga Nova de Trives, dos Tarabelos do Saviñao e dos Ministreles.

 

 

Ademais esta edición será tamén especial no senso de que, por vez primeira, poderá visitarse a cova recentemente rehabilitada da Asociación As Covas de Seadur, promotora deste percorrido polas covas. Nela haberá produtos de Galicia Calidade e tamén viños.

 

 

Entre os visitantes desta ruta enogastronómica deste 2026 estaba o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, acompañado pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, entre outras autoridades.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

Back to top button