EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Uns 21 comunicadores de sete países europeos visitan a D.O. Valdeorras

 

Un total de 21 comunicadores chegados desde sete países europeos diferentes, visitaron hoxe a comarca para participar nunha actividade coordinada pola Organización Interprofesional del Vino de España, OIVE, e o Consello Regulador da D.O. Valdeorras.

Tras coñecer as características específicas do territorio que visitaron por primeira vez, os asistentes tiveron ocasión de degustar viños brancos e tintos, percibindo así as particularidades de cada un e descubrindo as razóns que avalan a calidade única dos produtos da Denominación de Orixe Valdeorras.

A variedade branca godello resultou ser a máis valorada. Moitos dos participantes na actividade, destacaron a singularidade dunha esixencia única por parte da D.O. Valdeorras, a de clasificar como viño godello exclusivamente a aqueles elaborados con uva 100% desta variedade, sen admitir ningunha outra.

“É moi importante que entes como a Organización Interprofesional del Vino en España ou a Asociación Española de Catadores (a través de quen se xestionou a actividade), se poñan en contacto con nós para realizar este tipo de eventos na comarca, é a mellor forma de que quen debe falar dos nosos viños, o fagan coñecéndoos de primeira man”, dicía Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras.

Países Baixos, Austria, Alemaña, Polonia, Suecia, Irlanda e Hungría son os países de procedencia destes expertos en comunicación, nas súas diversas facetas (revistas, seccións de prensa especialista, blogs, páxinas web e canles especializadas de radio, principalmente). Entre eles, por exemplo, John Wilson, corresponsal do xornal irlandés Irish Times, e editor da mellor guía de viños neste país, The Wine Guide.

Esta visita forma parte das actuacións contempladas no plan estratéxico de promoción do consello regulador, que ten o obxectivo final de visibilizar e potenciar os atributos que fan diferente á D.O. Valdeorras, para posicionarse como unha denominación de orixe de referencia, apuntando neste caso, ao mercado europeo.

Fotos cedidas.

Back to top button