EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

V Barathón, un roteiro con música por case 20 locais de hostalaría triveses

Está programado para o xoves 24 de marzo ás 18h. e terá como punto de partida a Praza do Pilón
Participantes na pasada edición do Barathón de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.
Participantes na pasada edición do Barathón de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

Con novidades se presenta a quinta edición do Barathón, un percorrido festivo polos bares de Trives que se celebrará na tarde do vindeiro 24 de marzo. A organización, con Elena Guntiñas á fronte, aposta este ano por seguir mellorando, intentar involucrar a máis xente e convertilo “no máis numeroso”.

Este singular roteiro, no que participarán 18 establecementos de hostalaría da vila, terá como punto de partida a praza do Pilón ás seis da tarde. “Dende media hora antes a organización repartirá de xeito totalmente gratuito os diplomas para a participación. Lembremos que está prohibida a participación a menores de idade e o uso de vehículos a motor durante a proba cultural/deportiva”, indican dende a organización.

Un dos diplomas cos que os participantes fan o circuíto polos locais./ Foto: Carlos G. Hervella.
Un dos diplomas cos que os participantes fan o circuíto polos locais./ Foto: Carlos G. Hervella.

Entre as novidades desta edición figura a música, coa presenza do grupo de pandereteiras trivesas As Macizas Centrais, que percorrerán as prazas de Trives e os lugares de paso dos participantes. En caso de chuvia (se ben prevese bo tempo), tocarán no interior dos locais que formen parte do circuíto do Barathón. Ademais os organizadores “animan ao resto da xente a acudir con instrumentos musicais e sumarse a esta gran festa. Os horarios dos lugares onde tocarán as Macizas podense consultar na páxina web do Barathón”, explican.

O esquema do Barathón será similar ao de edicións anteriores. Así os participantes terán ate as 22:30 da noite para intentar completar unha consumición en cada local dos 18 participantes. Durante a proba este establecementos agasallarán con pinchos e tapas ás persoas que fagan o roteiro.

Ás 22:30h. concluirá o tempo “do evento deportivo” e os participantes que completaran o percorrido deberán entregar na praza do Reloxo o seu diploma para a verificación por parte da organización e para participar no sorteo dos premios, que se efectuará unha vez revisados todos os diplomas.”Este ano os premios melloran e sortearanse bicas, ceas para 2 persoas, botellas de Albariño, botellas de licor café, botellas de herbas, tortillas, pizzas, etc. que foron doados polos locais hosteleiros participantes”, adiantan dende organización.

Pero este ano o Barathón non remata aquí. Debido a afluencia masiva o ano pasado de xente que nunca estivera en Trives, a organización celebrará unha cea a base de pinchos no Bar-Museo O Bodegón para que continúe a festa e a xente que ven de fora poda socializar coa xente local. Para participar na cea será necesario confirmarllo a organización antes de rematar o Barathón.

Ademáis este ano, os locais nocturnos de Trives súmanse a festa e todo o mundo que presente o diploma do Barathón terá descontos. Dende a organización do Barathón quérese “dar as grazas a todos os locais de hostalaría que colaboran con nós, ás Macizas Centrais e a toda a xente que axuda na organización de evento que xa vai pola quinta edición”.

Artigos relacionados

Back to top button