O Xeodestino Trevinca-Valdeorras, formado pola Veiga, Larouco, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa e Carballeda de Valdeorras, presentába este mediodía no expositor de Galicia na Feira Internacional de Turismo, Fitur, a súa proposta turística “Terras que saben”.
A Deputación de Ourense colabora co Plan de Sustentabilidade Turística de Valdeorras, “Ruta Milenaria”, que executa o GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural) Valdeorras-financiado polo Plan de Recuperación, Transformación Resiliencia a través de Fondos Next Generation-, e o Inorde é ente xestor do Xeodestino que abarca este mesmo territorio, “polo que se trata dun exemplo de cooperación entre todas as administracións para traballar no desenvolvemento turístico dunha enocomarca que alberga hoxe una das variedades de uva máis apreciadas no Mundo: O Godello que, sen dúbida, será o protagonista deste Roteiro Milenario”, explicou Rosendo Fernández na presentación, que contaba coa presenza, entre outras autoridades, do director da Axencia de Turismo de Galicia, o valdeorrés Xosé Manuel Merelles.
Ademais engadía que a proposta que propón Valdeorras é “un lema moi adecuado: “Terras que Saben”, pola dobre referencia a sabor e saber que aúnan o valor enogastronómico e histórico do destino”. Precisamente, a campaña presentada en Fitur vira ao redor da intención de representar aos viñedos e ás formas suaves e redondas da natureza local (montañas, ríos, vales…).
Así mesmo, a páxina web foi renovada por completo de acorde aos atributos da nova marca optando polo dominio .travel que favorece o posicionamento en buscadores no ámbito do turismo e as viaxes: a partir de agora, poderán buscar todos os datos turísticos desta campaña en www.valdeorras.travel, dotada con contido de calidade profesional e que tamén inclúe un mapa interactivo con descrición e xeorreferenciación de cada un dos recursos e servizos turísticos do territorio dos nove concellos de Valdeorras. Tamén se deu a coñecer o programa de experiencias ecosostenibles que se está levando a cabo por parte do Inorde con 13 emprendedores locais deste territorio.