
Do 16 ao 23 de novembro, Peñalba de Santiago volveu ser o epicentro da cooperación internacional con RuralMakers – Partnership Building Activity, o cuarto proxecto Erasmus+ organizado por Valdeorras Vive neste emblemático enclave rural do Bierzo. O proxecto contaba, como é habitual, coa colaboración do Concello de Ponferrada e a Fundación Hospital da Raíña a través do Espazo Genadii de Peñalba.
Este evento reuniu a 16 traballadores xuvenís e educadores de nove países –España, Estonia, Moldavia, Curazao, Croacia, Alemaña, Turquía, Chipre e Grecia– nesta ocasión co obxectivo de conectar, compartir experiencias e colaborar na creación de novos proxectos enfocados na mocidade rural.
Unha conexión directa coa mocidade local
Por primeira vez, o proxecto incluía unha actividade con 100 estudantes de cuarto de ESO do IES Gil e Carrasco, achegando o espírito Erasmus+ á comunidade educativa de Ponferrada. Os mozos participaron nun taller práctico e dinámico deseñado polos formadores internacionais para dar a coñecer o programa Erasmus+ e as súas oportunidades entre os mozos.
“Traballar cos estudantes do IES Gil e Carrasco foi unha experiencia incriblemente enriquecedora e que esperamos sirva para dar a coñecer este tipo de programas educativos e de estudos no extrajero” comenta Lucas Docampo, coordinador de Valdeorras Vive.

Un legado consolidado en Peñalba de Santiago
Esta era a cuarta ocasión na que Valdeorras Vive elixía Peñalba de Santiago como sede dun proxecto Erasmus+. Recoñecido como un dos pobos máis bonitos de España, a súa contorna única convérteo no escenario ideal.
“Cada proxecto en Peñalba deixa unha pegada nos participantes internacionais, que levan unha impresión moi especial do Bierzo. É un lugar que inspira creatividade e conexión,” afirmou Aleksandra Galkina de Estonia, formadora internacional do proxecto.
Un impacto que transcende fronteiras
Durante o evento, os participantes traballaron en talleres e actividades que abordaron desafíos crave para as zonas rurais. Ademais, fortalecéronse alianzas internacionais que prometen dar lugar a novos proxectos Erasmus+ no futuro.
Sobre Valdeorras Vive
Desde 2019, Valdeorras Vive lidera proxectos internacionais que combinan mocidade, emprendemento e innovación. Con acreditacións Erasmus+ en mocidade e European Solidarity Corps, o seu labor busca posicionar a Valdeorras e O Bierzo como referentes neste tipo de formacións internacionais.
Fotos: Valdeorras Vive.
