PolíticaÚltima hora

A valdeorresa Ofelia Puente, entre os nove delegados do PSOE de Ourense no Congreso Federal

Resultaban elixidos nun congreso provincial celebrado o 27 de maio en Ourense

O PSdeG-PSOE da provincia de Ourense vén de escollar aos nove delegados que o representarán no 39 Congreso Federal que este partido celebrará en Madrid os días 17 e 18 de xuño. A listaxe decidíase no congreso provincial celebrado na mañá do 27 de maio en Ourense e que abría a secretaria de Organización ourensá, María Quintas.

Nesta xornada acreditábanse 91 delegados e delegadas dos 106 posibles. A orde do día comezaba coa escolla da mesa que dirixiu o congreso, de xeito totalmente consensuado, onde se integraron representantes das sensibilidades que acadaron representación. O presidente foi proposto pola candidatura encabezada por Rocío de Frutos e a vicepresidencia e a secretaría de actas, a proposta da candidatura de Rafael Rodríguez Villarino.

De seguido facíanse unha serie de intervencións e as exposicións sobre as emendas á ponencia-marco que se vai debater en Madrid en xuño, aceptándose a súa proposición para seren debatidas no propio Congreso Federal. Finalmente procedíase á votación das dúas listas que se presentaban de cara a representación dos socialistas ourensáns no congreso: unha delas encabezada por Rocío de Frutos e a outra por Rodríguez Villarino.

Tras o escrutinio dos votos, a listaxe de Rocío de Frutos obtiña 44 votos, fronte aos 42 da de Rodríguez Villarino. Houbo 1 voto nulo e 4 votos en branco. Con eses resultados configurábase unha listaxe de 9 delegados/as de xeito “proporcional en función do voto obtivo”, segundo se informa dende o partido socialista ourensán. Así os delegados no congreso federal serán: Rocío de Frutos Madrazo, Ángel Barba Alonso, a valdeorresa Ofelia Puente Carracedo, Juan Carlos Francisco Rivera, Soraya Martín Barreiro, Rafael Rodríguez Villarino, Elvira Lama Fernández, Francisco Fumega Piñeiro e María Jesús Boo Montes.

Fotos cedidas

Artigos relacionados

Back to top button