CartelleConcellosÚltima hora

VI Festa da Carne ao Caldeiro e I Paseo de Coches Clásicos, o 19 de abril en Prado de Sande, Cartelle

Cocendo a carne nunha edición anterior da festa./ Foto cedida.

 

Na vindeira fin de semana a localidade de Prado de Sande, no concello de Cartelle terá unha triple celebración. O domingo, día 19 de abril, terá lugar a VI edición da Festa da Carne ao Caldeiro, un evento que se segue afianzando no calendario galego de citas gastronómicas e no que se darán cita ao redor dos 400 comensais. “Unha cifra que segue aumentando ano tras ano dando mostra do bo sabor de boca que deixa entre os asistentes”, aseguran dende a organización.

O xantar, que dará comezo a partir das 14 horas baixo carpa, estará composta por empanada de carne de raza cachena; carne ao caldeiro de tenreira con patacas cocidas e chourizos cocidos ao viño; pan; sobremesa, viño e refrescos. “Un menú do máis atractivo para os amantes da boa gastronomía galega de calidade na a materia prima xoga un papel esencial. Ademais, non faltará o acompañamento da música tradicional”, din dende a organización, adiantando que o prezo é de 23€ e os tickets poden mercarse ata o xoves 16 de abril no teléfono 669 563 241, ou nos establecementos sitos no concello de Cartelle: Café Bar Katy (Cartelle) ou no Bar Os Cubanos (Outomuro).

 

 

I Paseo de Coches Clásicos, a novidade

Neste 2026, desde a organización sumaron unha nova proposta para unha xornada completa de festa, o I Paseo de Coches Clásicos cuxa inscripción xa ronda os 90 vehículos que descubrirán os engados do concello. Unha concentración que levará aos participantes a saír da localidade de Outomuro, pasando por A Lagoa, As Teixugueiras, A Seara, parada para un picoteo no Centro Ecuestre de O Mundil (Nogueiró), A Pontenova, Vilar de Vacas, reagrupamento en Cartelle e chegada ao Prado para gozar do xantar.

 

 

Para ir abrindo boca, o sábado, día 18 de abril, haberá unha degustación de mexillóns e a noite prolongarase ata altas horas coa Festa da Xuventude cunha Disco Móbil.

“Son xa seis as edición desta festa que naceu como unha aposta por darlle vida ao rural cunha cita gastronómica. Así, na localidade de Prado, parroquia de Sande, onde non viven habitualmente máis de 20 persoas, nese día chegan a máis de 300 persoas”, aseguran dende a organización, orgullosos de que “a boa calidade da comida, así como a súa abundancia e sabor” se xunten co esforzo dun equipo de veciños e veciñas que se afanan en ter todo preparado, e agradecendo a “colaboración das empresas privadas, así como á Asociación Cultural As Bonitas de Sande e o Concello de Cartelle”.

Back to top button