
A Corporación vianesa celebraba neste 25 de xuño unha sesión plenaria urxente na que se aprobaban, por unanimidade todos os puntos da orde do día, tal e como indica o seu alcalde, Germán García-Ávila. Entres eles figuraba a aprobación dun convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), “que permitirá contar cunha depuradora , xa que, a instalada nos anos 90, nunca entrou en funcionamento, e iso era a causa do bloqueo existente da aprobación do Plan Básico de Urbanismo. Ademais de ocasionar cuantiosas e numerosas multas pola falla de depuración das augas residuaes”, explica o rexedor vianés.
Ao mesmo tempo, García-Ávila adianta que está previsto que se constrúan 5 tanques, “colocados en sitios que abranguen varias aldeas, que permitan a toma de agua polos medios aéreos no caso de incendios e para que poida abrevar o gando”.
Outro dos puntos aos que se lle daba luz verde era a “adxudicación da concesión do Matadoiro Municipal, que levaba 10 anos co contrato vencido, é dicir, en precario e coa espada de Damocles enriba ameazando o seu peche definitivo”.
Saía adiante, ademais, a solicitude á Xunta de Galicia da declaración de Zona en Emerxencia, co “obxecto da implicación das diferentes administracións na retirada dos escombros nas aldeas afectadas, paralizadas totalmente. Permitirá unha coordinación entre elas para rematar cos atrancos que impiden asistir aos e ás persoas afectadas para poder retomar a súa vida cotiá á maior brevidade. Así mesmo, permitirá unha urxente e efectiva valoración dos danos para seu resarcimento”.
Así mesmo, e xa que a maioría das aldeas do municipio de Viana “non contan con bocas de rego, imos colocalas, xunto con mangueiras, cando menos, unha por localalidade coa finalidade de que, en caso de incendio, poida conectarse o camión motobomba. É imposible entender coma podían estar ós pobos sen esta ferramenta tan imprescindible para salvar vidas e propiedades”, asegura o alcalde.

