ConcellosÚltima hora

Viaxe formativa de membros do proxecto “Faba Loba de Trevinca” a terras segovianas

Coñecían o proxecto "Judión de la Granja", do que forman parte 22 produtores da Granxa de San Ildefonso

Uns 25 integrantes do proxecto “Faba Loba das Montañas de Trevinca” desprazábanse o 19 de setembro ata a Granxa de San Ildefonso (Segovia) para coñecer a iniciativa do “Judión de la Granja”, que se está a desenvolver dende hai oito anos. Este produto está certificado cunha marca de garantía, sendo referente a nivel nacional e contando cunha produción anual de 38.000 quilos.

A delegación veiguesa, da que tamén formaban parte o alcalde e técnicos municipais, era recibida ás 11:30h. polo rexedor da Granxa, Samuel Alonso, e polos técnicos que levan o devandito proxecto. Despois visitábase un banco de sementes do Judión, co nome de Rancho Maderuelo e cunha hectárea de extensión. Alí, da man de Guzmán Gilsanz, técnico desta marca de garantía, coñecían o funcionamento do proxecto do que forman parte 22 produtores e tamén do banco de sementes. Despois mantiñan un encontro cunha produtora e finalmente visitaban o Palacio Real da Granxa.

Os concellos da Veiga e da Granxa comprometéronse a “establecer vías de colaboración no proxecto apícola e das fabas de maneira permanente”, segundo o Concello da Veiga. Ademais espérase que nos vindeiros meses este concello valdeorrés sexa visitado por representantes do municipio segoviano.

Artigos relacionados

Back to top button