OurenseÚltima hora

VII Xornadas de Convivencia de Agrupacións de Voluntarias de Protección Civil na provincia, na Ribeira Sacra

Reunía a preto de 500 persoas pertencentes a 70 agrupacións de Galicia e representantes doutros puntos de España

As VII Xornadas de Convivencia de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da provincia de Ourense desenvolvíanse neste sábado na Ribeira Sacra e no concello de Pereiro de Aguiar, reunindo a medio milleiro de persoas pertencentes a 70 agrupacións de Galicia e con representación doutros puntos de España.

A apertura das xornadas tivo lugar no mosteiro de Santo Estevo, onde tamén se daban cita o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menos, o delegado do Goberno galego en Ourense, Gabriel Alén; e o presidente da asociación provincial de Agrupacións de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez.

Nunha intervención moi persoal, Luis Menor rememorou a súa etapa como director xeral de Emerxencias de Galicia e puxo en valor “a entrega xenerosa dos voluntarios e voluntarias a prol da seguridade da veciñanza, todo un exemplo para a nosa sociedade”. Ademais, o presidente provincial ratificou o apoio constante da institución provincial ao labor das agrupacións, lembrando que Ourense “é a primeira provincia de Galicia en completar o seu mapa de emerxencias”.

Pola súa banda, Santiago Villanueva destacou o interese do encontro aberto hoxe, que reúne preto de 500 voluntarios e voluntarias de Protección Civil de 65 agrupacións de todo o Estado e se prolonga ata mañá. Para o director xeral, eventos destas características contribúen a darlle visibilidade á Protección Civil como colectivo de acción local presente en todo o territorio, ao tempo que fomentan o intercambio de experiencias e a aprendizaxe. Así, as persoas asistentes á xornada de convivencia terán ocasión de participar en distintos obradoiros.

A organización desta xornada pretende recoñecer o labor dun colectivo, o voluntariado de Protección Civil, formado por preto de 4.500 voluntarios pertencentes a 235 agrupacións en toda Galicia. Este colectivo colabora durante todo o ano, de forma altruísta e desinteresada, en todo tipo de emerxencias e operativos velando pola seguridade das persoas.

Cun marcado carácter lúdico, a Xornada de Convivencia dispuxo dun programa no que os voluntarios e voluntarias de protección civil, ademais de participar en diversos talleres prácticos relacionados co mundo das emerxencias, puideron desfrutar dos encantos dunha das xoias da provincia ourensá, A Ribeira Sacra.

O día completouse cun acto de recoñecemento ao labor feito polas voluntarias e voluntarios o longo da súa traxectoria e actividade en Protección Civil, mediante a entrega de medallas e condecoracións. Este acto tivo lugar durante o xantar de confraternidade celebrado en Pereiro de Aguiar, que serviu como clausura das xornadas e ao que tamén asistiu o presidente provincial.

 

A VII Xornada de Convivencia de Protección Civil na provincia de Ourense, en imaxes

Artigos relacionados

Back to top button