PolíticaÚltima hora

Villarino retira a súa candidatura ás primarias da Secretaría Provincial do PSdeG-PSOE

"É tempo de dar paso a un proxecto renovado que prenda cada vez máis ilusión na militancia socialista", afirma

Rafael R. Villarino./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O actual secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense e senador, Rafael Rodríguez Villarino, vén de anunciar hoxe que retira a súa candidatura para liderar o partido na provincia “despois de analizar o escenario das primarias provinciais e compartir opinións sobre o futuro político do socialismo ourensán con moitas compañeiras e compañeiros”. Una decisión que “debe ser o limiar dunha alternativa socialista innovadora, crible e apaixonante para a nosa terra”, di

Neste senso, Villarino manifesta a súa disposición para “dar paso á candidatura que mellor represente a competencia, a renovación e a frescura de ideas e programas no seo do partido”, sen descoidar “os principios éticos, a lealdade e a integridade que sementan confianza e impulsan a acción política cara o ben común, protexendo ás siglas de intereses individuais ou de faccións minoritarias”.

Rafael R. Villarino recorda que “no pasado, puxen o meu liderado electoral a dispor para facilitar un goberno municipal á altura do concello de Ourense”, e “agora retiro a miña candidatura no partido coa esperanza de que agrome unha iniciativa política da que medren a xustiza social, a igualdade, a liberdade e o compromiso co servizo público que definen as nosas siglas”.

Finalmente, o secretario provincial do PSdeG-PSOE en funcións agradece o apoio que lle brindaron ao longo destes anos a militancia ourensá e as persoas que integraron as diversas Comisións Executivas Provinciais, formulando cara o proceso que está en curso o desexo de que “a creatividade e o esforzo da socialdemocracia ourensá forxen proxectos políticos que eleven a prosperidade do noso territorio”, concluía.

Back to top button