CulturaCulturaÚltima hora

Visita comentada á escavación dos xacemento medievais do Preguntoiro (Pantón) o 28 de xuño

 

Para o vindeiro domingo 28 de xuño está prevista unha visita comentada que permitirá coñecer os traballos arqueolóxicos que se están a desenvolver dende o 16 de xuño nos xacementos medievais do Preguntoiro (Pantón). Comezará ás 10:30h. e o punto de encontro dos asistentes (non se precisa inscrición) será o lavadoiro de Cibrisqueiros.

Os xacementos do Preguntoiro 1 e 2 sitúanse preto do lugar de Cibrisqueiros, na parroquia de San Vicenzo de Pombeiro. Localízanse ao pé do camiño tradicional que transcorre a media ladeira entre os lugares de Cibrisqueiros e San Cosmede (hoxe convertida nunha ruta de sendeirismo), a escasos 200 metros entre si, conformando un socalco artificial que cara ao oeste mira ao río Sil, nunha zona de fortes pendentes e afloramentos graníticos. Nestes sitios mantense unha serie de elementos histórico-arqueolóxicos que apuntan a súa vinculación coa orixes cristiáns e a fundación dos primeiros mosteiros na Ribeira Sacra na alta Idade Media, segundo o equipo de investigadores que leva a cabo a intervención e que dirixe Xurxo Ayán.

Esta campaña arqueolóxica, que agora se retomaba a mediados de xuño, iniciouse en setembro do ano 2025 pero aos poucos días do comezo dos traballos tivo que adiarse por culpa do lume forestal que afectou á Ribeira Sacra neste sector do Canón do Sil, chegando as lapas ata xusto ao pé do xacemento. “A actuación centrarase fundamentalmente na escavación do sector sur do xacemento do Preguntoiro 1 coa finalidade de localizar posibles novos enterramentos de cara a súa documentación e revalorización deste sitio histórico para o seu aproveitamento como recurso turístico-cultural no marco da paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Tamén se actuará no Preguntoiro 2 no que fundamentalmente se levará a cabo a escavación en área do interior da construción tradicional para determinar a existencia de estruturas en negativo traballadas no chan retallado que poderían estar vencelladas coa ocupación altomedieval do sitio”, adiantaba ao inicio da escavación Xurxo Ayán.

En concreto, as actuacións que se desenvolven nesta intervención son traballos de investigación e documentación, así como a escavación arqueolóxica dos xacementos do Preguntoiro 1 e 2, nunha superficie estimada nuns 60 m2.

Back to top button