A VeigaConcellosÚltima hora

Visita do director xeral de Emerxencias ao GES da Veiga

Este grupo creábase o ano pasado na provincia de Ourense xunto co de Maceda

 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de A Veiga, que a Xunta apoia asumindo máis da metade do seu funcionamento ademais do reforzo do seu equipamento con material coma o camión autobomba rural pesada (BRP) entregado o pasado xuño, no que investiu case 200.000 euros para mellorar a eficacia nas súas intervencións.

O GES da Veiga foi un dos 6 novos servizos creados o ano pasado no marco da Comisión de Seguimento dos GES -da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)- co obxectivo de reducir os tempos de resposta en situacións de risco.

Ademais deste grupo -que da cobertura aos concellos de A Veiga, O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso– tamén se creou na provincia ourensá outro GES con base no concello de Maceda para atender aos municipios de Maceda, Baños de Molgas, Esgos, Paderne de Allariz, Vilar de Barrio, Xunqueira de Espadanedo e Xunqueira de Ambía. A eles sumáronse en 2021 os GES de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela, na provincia de Pontevedra, xunto co servizo municipal do concello coruñés de Noia.

“Este ano, debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES as melloras plantexadas en canto á cobertura das emerxencias en Galicia”, sinala a Xunta de Galicia.

 

 

Esta mesma semana a Xunta asinou coa Deputación de Ourense e a Fegamp o convenio a través do cal a Xunta asumirá máis da metade do custo de funcionamento anual dos GES da provincia ourensá, con máis de 1,9 millóns de euros dos máis de 3,7 millóns que supón o orzamento do acordo cada un dos tres anos polos que se asina e incluíndo as melloras propostas pola Xunta.

Segundo o acordo, completaranse os GES da provincia ourensá para que conten con 12 efectivos, o que suporá a contratación de 16 novos integrantes para incrementar as plantillas dos grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6,9 ou 10 membros, isto é, Lobios, Muíños, Laza, Ribadavia e Avión. Ao abeiro deste acordo, tamén se incrementará o financiamento do servizo municipal da Mancomunidade Terra de Celanova ata os 320.000 euros fronte aos 155.000 euros actuais e actualizarase a financiación destinada aos custos salariais dos GES da provincia para adaptalos ao seu custo real na actualidade respecto ao primeiro convenio asinado en 2013.

Santiago Villanueva destacou a importancia da labor dos GES na prevención dos lumes e como complemento aos servizos de emerxencias na súa extinción e incidiu na necesidade da colaboración das administracións co obxectivo de dotar aos profesionais destes servizos do equipamento necesario para garantir a súa seguridade nas súas intervencións e, por ende, a dos seus veciños. Ademais de apoiar aos servizos de emerxencia da comunidade, tanto na dotación de equipamento como no seu funcionamento, a Xunta contribúe á formación dos servizos de emerxencias desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Artigos relacionados

Back to top button