A VeigaConcellosÚltima hora

Visita do director xeral de Maiores á Casa do Maior da Veiga

Nesta viaxe anunciaba a publicación da orde de axudas para solicitar a partir de mañá a apertura de 63 casas deste tipo no rural

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas para solicitar a apertura de 63 casas do maior no rural, para o que a Xunta destina un total de 5,3 millóns de euros. Coincidindo con esta publicación o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitaba esta mañá o Centro do Maior da Veiga, onde explicou que o prazo de solicitude permanecerá aberto durante un mes a partir de mañá. Alí era recibido polos responsables deste centro e pola concelleira veiguesa Sandra Basteiro.

Este centro abría as súas portas na Veiga en xullo do 2019 e nel os maiores realizan numerosas diversas actividades que van dende os paseos ata outras enfocadas á estimulación cognitiva e tamén da memoria. Os usuarios que teñen servizo de axuda a domicilio poden estar 4 horas no centro, e aqueles outros que non dispoñen dela 8 horas.

O director xeral lembrou que esta orde permitirá cuadriplicar a extensión deste servizo ao pasar dos 20 centros en funcionamento na actualidade ata os 83. Así mesmo, sinalou que esta convocatoria flexibiliza os requisitos dos concellos e o perfil do usuario que se pode beneficiar destes pequenos centros de día no rural.

Concretou que esta convocatoria permitirá que se adhira a este programa calquera concello que non teña centro de día ou un servizo similar, en lugar de unicamente aqueles que teñan menos de 5.000 habitantes como na actualidade. En segundo lugar, amplíase o perfil do usuario que pode acudir a estes centros, que xa non terá que ter un grao de dependencia I ou II recoñecido, senón que poderán ser persoas autónomas.

 

 

Por último, sinalou que as promotoras das casas do maior terán tamén a opción de asumir o desprazamento dos usuarios cara e desde o centro. Trátase dunha petición reiterada por parte dos usuarios e que agora poderá ser realidade cunha axuda adicional da Xunta de 5 euros por persoa e día para o responsable da casa do maior.

20 centros en funcionamento

Fernando González Abeijón, que posteriormente visitaba a Casa do Maior da Gudiña, reiterou que os 20 centros que hai en funcionamento nestes momentos demostraron que prestan un servizo útil para as familias e moi beneficioso para as persoas maiores. Por este motivo, ampliarase a súa implantación ao longo deste ano grazas a unha partida que permitirá asumir os gastos de adecuación das instalacións e tamén o seu funcionamento diario.

En concreto, destinaranse 945.000 euros a adaptar as instalacións a este servizo, cunha cantidade límite de 15.000 euros por centro. Por outra banda, investiranse 4,4 millóns de euros para o mantemento destas casas do maior, a través de achegas de 19.600 euros anuais para cada unha. Este orzamento inclúe o funcionamento do servizo ata o ano 2023, cando se actualizará a contía anual de mantemento.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button