Como vén sendo costume, o Fulión de Langullo devolvía na tarde do Sábado de Entroido a visita que o pasado ano lle facía o Fulión de Cubeiros e Borruga. Á entrada de Cubeiros, no cruce, o fulión visitante era recibido polos veciños. Alí mesmo, formulábase en verso a tradicional petición de permiso para poder dar a ronda.
“Despois duns anos/ sen poder virvos visitar/ xa tiñamos ganas de poder ir a tocar”, dicía o representante de Langullo. “E como vexo/ que xa tendes ganas de empezar/ gustaríame que nos deixarades poder colaborar”.
A resposta era inmediata. “Moi boas tardes a todos os deste lugar/ agradecidos por eses versos./ Graciñas por nós vir visitar”, dicía un dos veciños da aldea visitada. E outro, concedía o permiso. “Boas tardes a todos. Eu son de Borruga,/ da casa dos Rodea/e douvos o permiso para que toquedes nesta aldea”. Outro veciño máis, de Cubeiros, ratificaba ese permiso. “collede os vosos apeiros/ e poñédevos a tocar”.
Entón o son característico do fulión de Langullo, coa singular danza dunha das súas máscaras comezaba unha longa ronda que logo continuaba por Borruga, onde se servía unha lentexada aos participantes.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeo: O SIL.


