OurenseÚltima hora

As vivendas do alugueiro social adxudicaranse por un máximo de 36 meses

Xunta e Concello asinan o convenio para pór en marcha a mobilización das casas
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, coa conselleira de Vivenda, Ethel Vázquez, esta mañá.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, coa conselleira de Vivenda, Ethel Vázquez, esta mañá.

O Concello de Ourense segue a impulsar a súa adhesión ao Plan Galego de Rehabilitación, Aluguer e Mellora do Acceso á Vivenda e vén de asinar un convenio de colaboración coa Xunta para crear e pór en marcha o fondo de vivendas baleiras. Este tipo de vivendas adxudicaranse a persoas vulnerables de xeito compatible con outras axudas públicas e será por un periodo máximo de 36 meses. Así o sinalou esta mañá a conselleira de Vivenda, Ethel Vázquez, que se desprazou até a cidade das Burgas para visibilizar a colaboración entre ambas administracións.

O texto asinado xa fora aprobado en xunta de goberno extraordinaria e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, aproveitou para salientar a súa importancia polo “seu fondo compoñente social e de axuda aos colectivos máis vulnerables”.

O convenio é froito dun acordo de colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O obxectivo é mobilizar inmobles desocupados para destinalos a atender as necesidades sociais en materia residencial. Ourense foi o primeiro municipio en solicitar a súa adhesión.

Entre os destinatarios aos que vai dirixido este programa atópanse perfís de persoas afectadas por procedementos de execución hipotecaria ou por un procedemento xudicial de desafiuzamento por impago, e sobre todo aqueles que teñan a cargo fillos menores ou pertenzan a familias numerosas ou monoparentais con fillos. Tamén está pensado para axudar ás unidades familiares con mulleres vítimas de violencia de xénero.

O Concello de Ourense será o encargado de establecer o procedemento de selección de arrendatarios e de adxudicación respectando sempre as bases sinaladas pola Fegamp.

Canto o tipo de vivendas que se poden incorporar ao fondo de aluguer social, os requisitos esixen que sexan residencias desocupadas, libres (sen limitacións para ser arrendadas) e con condicións mínimas de habitabilidade. Tamén é obrigatorio que estean dadas de alta nos subministros básicos de auga, gas ou electricidade, e que teña instalación de auga quente, con cociña equipada e electrodomésticos básicos.

Artigos relacionados

Back to top button