
Co outono á volta da esquina acércase o inicio do curso escolar e con el volven os adestramentos de “OUR-ientación”, deseñados para que tanto nenos como adultos se inicien e desfruten do deporte da orientación.
O adestramento nº 7 terá lugar o domingo 6 de setembro ás 17 horas na Área Recreativa do Aguillón (fronte ao pavillón) na Rúa, nunha sesión na que “refrescaremos os conceptos básicos, realizaremos xogos de quecemento e exercitaremos a mente baixo o noso lema habitual: Primeiro pensar e logo correr”, explican dende o Club OUR-O, lembrando que as persoas que non dispoñan de licenza federativa de orientación deberán tramitar o seguro de día obrigatorio para poder realizar a actividade.
