DeportesEn portadaMontañismoÚltima hora

XIII Noite entre lobos e estrelas por Trevinca, o teito galego

Esta marcha, de gran esixencia, terá lugar na noite do 2 ao 3 de setembro e será organizada polo Club Montañas de Trevinca

Imaxe dunha edición anterior da marcha./ Cedida.

Coincidindo coa lúa chea, na noite do 2 ao 3 de setembro, celebrarase a XIII Noite entre lobos e estrelas, unha marcha nocturna moi especial polas montañas de Trevinca, o teito galego. Esta ruta, de gran esixencia, será organizada polo Club Montañas de Trevinca e partirá ás 00h. dende Vilanova (A Veiga), a unha altura de 1.216 m. A partir de aí o traxecto continuará polo Sestil Alto, Pena Trevinca (teito galego), Lagoas Piatorta, Fuente Bibei, Moncalvo, As Torricelas, o Acivral de Porto e Porto de Sanabria, onde a chegada se prevé sobre as 14:15h. do 3 de setembro.

Será un percorrido de 30,5 km “cun alto nivel de esforzo e fortes desniveis. Dende Pena Trevinca polo cordal N/S e tendo á vista as lagoas glaciares de Piatorta, chégase ao nacemento do río Bibei e remóntase ata o Moncalvo, vendo a importante lagoa glaciar de Lacillo. Dende Moncalvo chégase ata un alto cun conxunto de Torricelas (antigas sinalizacións de paso) e dende alí comeza un forte descenso seguindo un antigo camiño que vai ata o coñecido e excepcional acrivral de Porto e, xa por pista forestal, Porto de Sanabria”, explican dende o club. Alí un autobús trasladará aos camiñantes ata Vilanova para recoller os seus vehículos.

Durante a marcha faranse diferentes descansos de curta duración e intentarase que os participantes poidan manter un ritmo de paso duns 3 ou 3,5 km/hora. A data límite para anotarse á actividade será o xoves, 31 de agosto ás 15h. na web https://www.montanasdetrevinca.es.

Artigos relacionados

Back to top button