
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) vén de realizar unha xornada-debate divulgativa sobre o contido dos documentos iniciais do proceso de planificación 2028-2033, que son a primeira das tres etapas das que consta a elaboración do plan hidrolóxico. Tiña lugar esta mañá en Ourense en formato aberto e forma parte do proceso de participación pública que está a permitir a toda a cidadanía dar a coñecer as súas suxestións ou propostas a este documento.
Nesta xornada interviñan o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e o xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica, Carlos Ruiz do Portal. A ela asistían máis de 80 persoas de distintos ámbitos, Concellos, Asociacións Ecoloxistas, representantes de distintos sectores de actividade, doutras administracións e outros axentes implicados.
“Expuxéronse os documentos iniciais do proceso de planificación 2028-2033, que se atopan actualmente no período de consulta pública ata o próximo 20 de xuño, e que constitúen a primeira das tres etapas previas á redacción definitiva do PHMS” explicaba Quiroga.
Como paso previo a esta actividade celebráronse catro xornadas sectoriais (organizacións en defensa dos intereses ambientais, usuarios de abastecemento urbano, usos agropecuarios e usos enerxéticos) e presentáronse os contidos ante os órganos colexiados (Xunta de Goberno, CAD e CAC).
Contido dos documentos iniciais
De acordo coa DMA e o TRLA, o plan hidrolóxico debe actualizarse e revisarse cada seis anos, e os DDII son a primeira etapa das tres fases das que consta a revisión, actualización e elaboración do plan. A esta primeira etapa (DDII) seguirá a segunda, o esquema de temas importantes en materia de xestión das augas e a terceira e última que é o propio proxecto de plan.
Durante a xornada describíronse as características da demarcación, un estudo repercusións da actividade humana no estado das augas superficiais e das augas subterráneas, unha análise económica do uso da auga así como do proxecto de participación pública e as fórmulas de consulta para facer efectiva a mesma.
Así, dentro do estudo da repercusión da actividade humana sobre o estado das masas de auga, trátanse os principais problemas existentes na demarcación hidrográfica, tales como o elevado número de barreiras transversais existentes, a alteración do réxime hidrolóxico orixinada polos aproveitamentos hidroeléctricos, os problemas derivados da contaminación difusa procedente da actividade agrícola e gandeira, o impacto da actividade mineira e os vertedoiros, a contaminación puntual por verteduras ou a elevada ocupación das zonas adxacentes ao dominio público hidráulico.

Da mesma forma, explicáronse as necesarias melloras en materia de gobernanza, sobre todo no relativo á coordinación entre as diferentes administracións públicas con competencias en auga, á hora de executar o programa de medidas asociados ao plan; á cooperación transfronteiriza; incidindo na posta en marcha das medidas necesarias para o logro do bo estado das masas de auga e na necesidade de incrementar o cociente de recuperación de custos resultante da análise económica do uso da auga realizado.
Fíxose fincapé no impacto do cambio climático nos recursos hídricos da demarcación, ante a previsible diminución futura das precipitacións, así como a maior recorrencia de fenómenos extremos como inundacións e secas e o seu potencial efecto nos fenómenos de contaminación accidental e os incendios. “O fomento e a consecución efectiva da participación activa das diferentes partes interesadas na materia, é un dos principais obxectivos da planificación hidrolóxica e continuará durante o segunda –Esquema dos temas importantes en materia de xestión das augas- e terceira fase-proxecto de plan hidrolóxico de conca- da elaboración do novo plan que debe culminar antes do fin do ano 2027”, concluía Carlos Ruiz, xefe da OPH.