ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

‘Xornada de Convivencia Feminista’ con Lucía Pérez en San Xoán de Río, o 4 de maio

 

O Concello de San Xoán de Río organiza de novo unha ‘Xornada de Convivencia Feminista’ tras a boa acollida do pasado ano coa presenza de Pili Pampín. A actividade realizarase o vindeiro 4 de maio e a convidada para esta ocasión é a cantante de éxito Lucía Pérez. O programa para ese día comezará cun recibimento moi especial, unha coreografía de benvida a cargo dun grupo de mulleres de San Xoán de Río ás 12:00 h.

A continuación, ás 12:30 h., Lucía Pérez ofrecerá unha charla na que se abordarán detalles da súa vivencia en perspectiva feminina: como viviu de nova o feminismo, como foi o seu camiño profesional ata a actualidade, como chegaron os éxitos, cal é seu punto de vista sobre a situación actual da muller… “Unha charla que non pretende ser só unidireccional, se non que está encamiñada a un coloquio no que intervirá o público con preguntas e/ou contando as súas propias experiencias”, explica o alcalde Xosé Miguel Pérez Blecua. “O ano pasado funcionou moi ben con Pili Pampín, contounos moitas cousas interesantes da súa vida e a interacción coas veciñas foi inmellorable”, engade tamén Elena Enríquez, concelleira de Igualdade.

Rematado este encontro previo, haberá un xantar no que se compartirá mesa con ela, xantar para o que cómpre anotarse previamente. O Concello de San Xoán de Río prega inscribirse antes do 30 de abril pasando polo concello ou chamando ao teléfono 988 346002.

 

 

Despois da comida, sobre as 16:00 h. amenizará a sesión de tarde a disco móbil DJ Rafa. Música escollida para rematar a xornada como nos bailes de antes e quen sabe se incluso se animará Lucía Pérez a cantar algún hit do seu repertorio…

A iniciativa desta actividade de convivencia feminista parte do Concello de San Xoán de Río e colaboran no desenvolvemento da mesma o Centro de Información á Muller da Pobra de Trives e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button