
Voluntarios chegados de diferentes partes de Galicia e incluso das Illas Británicas, desenvolvían o sábado 14 de xuño na Serra do Courel unha xornada de voluntariado ambiental, en colaboración coa Comunidade de Montes de Froxán (Folgoso do Courel), cara a enxertar con variedades locais os rebrotes dun souto ardido no 2022.
Esta iniciativa, que contaba coa colaboración da Área de Medio rural da Deputación de Lugo, xuntaba a uns 30 voluntarios con experiencia en enxertado da Asociación Galega das Castañas e os Soutos, xunto con veciños e outros voluntarios. E estaba coordinada por un dos maiores expertos enxertadores galegos, Santiago Ramos, de Alsara Consultoría y Servicios Integrales SL.

“A Serra do Courel, con case 3.000 has de soutos tradicionais, é unha das comarcas senlleiras na produción de castañas en Galicia. Nos últimos anos a produción de castañas diminuíu considerablemente. As causas tradicionais (diminución da produción consecuencia do cambio climático, envellecemento da poboación, despoboamento…) uníronse os devastadores incendios do verán do ano 2.022, que asolaron miles de hectáreas, incluíndo moitos soutos”, explican dende a Asociación Galega de Castañas e Soutos.
Unha das principais actuacións a facer para recuperar os soutos devastados polo lume, engade esta entidade, “é enxertar os rebrotes dos castiñeiros que arderon con variedades locais adaptadas a zona”.

A Asociación Galega das Castañas de dos Soutos constituíuse recentemente, en xaneiro do 2024, coa intención de defender e divulgar o sector da castaña e naceu “ante o baleiro existente no sector asociativo produtor e a necesidade de afrontar os numerosos retos que se nos presentan”.
Polo tanto, segundo responsables desta asociación, deséxase “transmitir a todos os medios de comunicación e cidadanía en xeral a súa intención de seguir promocionando e visibilizando un sector que a pesar dos fortes retos aos que se enfrenta (baixada considerable das producións dos soutos tradicionais debido o abandono e envellecemento da poboación do rural, escasa
profesionalización do sector, complexidade da elección axeitada de variedades e a miudo deficiente mantemento das novas plantacións, adaptación ante o cambio climático e a presenza crecente de pragas e enfermidades) estamos seguros que está chamado a recuperar a importancia económica, cultural e social que tivo para os nosos antepasados”.
Fotos cedidas.
