ConcellosÚltima hora

Xornadas para pór en valor Trevinca e instituír o “Día da Montaña Galega”, o 15 e o 16 de xuño na Veiga

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado polo presidente do Club Montañas de Trevinca, Antonio Fernández, e polo alcalde da Veiga, Juan Anta, presentaba esta mañá na Delegación Territorial as xornadas de conmemoración do XXII aniversario de cando por primeira vez soaron as gaitas en Pena Trevinca, como saúdo ou ‘Aperta’ a tódalas Montañas Galegas dende ‘A Cima de Galicia’ na ourensán montaña, que se desenvolverán os próximos días 15 e 16 de xuño.

Pardo valorou positivamente esta iniciativa e sinalou que este tipo de actividades “afondan na valorización da riqueza do noso medio natural”. “Posuímos -mantivo Manuel Pardo- unha natureza excepcional, na que se atopan refuxiados unha boa parte de endemismos botánicos, mamíferos, aves, insectos e réptiles de gran valor medioambiental e científico que debemos preservar como parte da nosa identidade”.

Organizadas polo Club de Montañismo Montañas de Trevinca e polo Concello da Veiga, estas xornadas pretenden por en valor e instituír o día de ‘A Montaña Galega’ como recoñecemento a unha abondosa e magnífica natureza de montaña, que abrangue dende o pequeno e admirado Tegra en A Garda, aos cordais de A Capelada e A Faladoira en Ortegal, dende os míticos Pico Sagro e O Pindo no Fisterra e terras de Santiago de Compostela, ata os altos picos de Manzaneda, Courel, Xurés e Ancares, e como nai de todos eles, as Montañas de Trevinca, que, en Pena Trevinca cos seus 2.127 metros de altitude a fan merecedora do título ‘Cima de Galicia’.

As intervencións do sábado día 15 son de sumo interese por estar todas elas relacionadas coa idea da protección das montañas e do seu valor histórico, social e tamén económico a partir da súa sustentabilidade.

Estas actividades divulgativas contarán nesta edición coa presenza de Sebastián Álvaro Lomba unha figura que conta cun amplo historial de expedicións, aventuras e numerosos libros sobre a montaña e o montañismo. Álvaro Lomba dirixiu durante 27 anos o programa televisivo ‘Al Filo de lo Imposible’.

 

Artigos relacionados

Back to top button