
A Casa dos Poetas de Celanova acollerá o sábado, día 22 de marzo, ás 12 horas a presentación do libro “Ciencia e misterio en Celanova. A capela mozárabe de San Miguel” de Xosé Benito Reza. No acto, o autor estará acompañado por Maximino Rodríguez e Noelia Domínguez.
Xosé Benito Reza, coa colaboración da súa filla Cristal como deseñadora da edición, presentará na data máis próximo ao equinocio de primavera, un libro sobre a fascinante xoia arquitectónica que é a capela mozárabe de San Miguel, con mais de mil anos de antigüidade.
Nesta obra tamén fala sobre as vellas historias que agroman da memoria colectiva e agariman nese enigmático lugar, e que reclamaron a súa atención hai xa máis de 30 anos. Inclúe, como non podía ser doutro xeito, un último capítulo dedicado á vida de San Rosendo, fundador de Celanova e unha das persoas máis influíntes e respectadas da alta Idade Media.
Esta autoedición estará nas librerías a partir do luns 24 de marzo e poderá adquirirse en dúas versións, unha en galego e outra en castelán.