
“Agora mesmo o turismo supón máis do 10% do PIB de Galicia e estase convertendo nunha gran fonte de riqueza para os distintos territorios que conforman a comunidade”. Así o destacaba o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, na presentación de “Ecoexperiencias do Xeodestino Valdeorras-Trevinca, unha nova proposta que aglutina 21 iniciativas sostibles na zona e que servirá de reclamo para turistas e público xeral.
Merelles referíase aos destacados datos que se desprenden da actividade turística en Galicia, xa que o ano pasado batíanse os récords de visitantes e tamén de peregrinos. “É un bo momento par ao turismo en Galicia e tamén para o turismo de Valdeorras. Eu creo que é un momento moi importante para a proxección turística de Valdeorras”.
Así mesmo referíase ao esforzo investidor da Xunta na comarca nesta materia. “Non creo que houbese unha etapa na que se investise tanto en tan pouco tempo, agora mesmo hai máis de 2 millóns e medio de euros que están proxectados no desenvolvemento turístico da comarca, dos que 1,5 millóns é a tráves do PSTD da Ruta do Viño Milenaria, tamén a través da axudas a proxectos tractores houbo catro proxectos que se beneficiaron cuns 400.000 euros para vincular a adegas con gastronomía ou para poder facer produtos de enoturismo”.
Outro referente que se está a reforzar é o Camiño de Inverno” cunha aposta por promover a seguridade vial e en todo este itinerario, no que imos investir arredor de 600.000 euros para eliminar puntos negros onde esta ruta xacobea conflúe con estradas”. Por outra banda, Merelles citaba as axudas para concellos de menos de 10.000 habitantes, das que “adoitan beneficiarse uns 65 de toda Galicia e de Valdeorras vanse beneficiar 5 concellos, que foron moi hábiles porque son axudas moi competitivas, hai que estar moi pendentes e para un valdeorrés coma min é un orgullo o interese que mostran os concellos de menos de 10.000 habitantes de Valdeorras por ter axudas e apoio para o desenvolvemento turístico dos seus municipios”. Aludía ademais aos concertos do Xacobeo, “que este ano tamén chegarán ao Barco e á Rúa, pero, ademais, haberá actuacións en practicamente todos os municipios da comarca”.

Todo este conxunto de actuacións, resaltaba, van “permitir que a nosa tempada turística se alongue quizais un pouco máis e tamén potenciar a tempada alta do verán, achegando oferta complementaria que faga que veña máis xente a visitarnos”.
En definitiva, concluía Merelles, “vivimos un momento moi importante para o desenvolvemento turístico, tamén nolo din os datos. En Valdeorras hai agora mesmo 528 establecementos de aloxamento turístico que ofrecen máis de 1.300 prazas, medraron un 14% entre o 2024 e o 2023. E a ocupación destes establecementos medrou aproximadamente un 10%. Son bos datos que están dentro da positiva evolución que ten o turismo de Galicia”.
Fotos: Carlos G. Hervella.
