ConcellosSan Xoán de RíoToénÚltima hora

“Xóvenes vs Rural”: Río e Trives lideran o diálogo europeo sobre o futuro da mocidade no rural

A xornada celebrada en A Pobra de Trives pon de manifesto a necesidade de políticas valentes que respondan ás demandas reais da mocidade rural

 

O Auditorio Julio Vázquez da Pobra de Trives convertíase nesta fin de semana nun espazo de reflexión e proposta centrado na realidade da mocidade rural galega e europea. Acollía a xornada “Xóvenes vs Rural”. A actividade, impulsada polos Concellos de San Xoán de Río e a Pobra de Trives, supuxo “un paso cualitativo fundamental no marco do proxecto europeo Connecting Rural Europe, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa CERV”, din os seus promotores.

Durante toda a mañá, representantes institucionais, organizacións xuvenís, expertas e expertos, e sobre todo, mozas e mozos do rural, traballaron de forma colaborativa en identificar os principais desafíos que condicionan o futuro da xuventude no interior: o acceso a emprego e vivenda, os servizos públicos, a mobilidade, a cultura ou a igualdade foron algúns dos temas clave abordados.

A xornada non foi un fin en si mesma, senón o inicio dun proceso máis amplo: en xuño celebrarase un encontro internacional en Palazzo Adriano (Italia), onde representantes dos catro países participantes no proxecto (España, Italia, Croacia e Romanía) contrastarán os resultados das xornadas realizadas en cada territorio. O obxectivo é claro: comprobar se os problemas da mocidade rural europea son compartidos e construír unha estratexia conxunta para presentar ante a Comisión Europea.

Desde Galicia, e da man dos Concello de San Xoán de Río e a Pobra de Trives, reafírmase o compromiso cun rural con futuro, con políticas pensadas para e coa mocidade, con voz propia e visión europea.

Fotos cedidas.

Back to top button