EconomíaÚltima hora

Sentan as bases para un novo selo de calidade que impulse o termalismo e a auga mineral

A Xunta suscribe un acordo de colaboración co clúster para implementar a marca Auga de Galicia
Un momento da firma do convenio de colaboración entre a Xunta e Terras da Auga, esta mañá, en Lugo.
Un momento da firma do convenio de colaboración entre a Xunta e Terras da Auga, esta mañá, en Lugo.

O sector do termalismo e da auga mineral en Galicia afonda na proxección internacional para pór en valor os recursos da comunidade, dos que gran parte deles se localizan na provincia de Ourense. Isto é o que persigue a Xunta tras asinar esta mañá, a través da Consellería de Economía, un convenio de colaboración co Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia (Terras da Auga). O acordo senta as bases para o lanzamento dun novo selo de calidade a nivel internacional, así como a creación da versión para Android da APP Terras da Auga, para smartphones.

Máis polo miúdo, o clúster, coa colaboración do goberno autonómico, creará e implantará a marca Auga de Galicia. Será un novo selo que identificará a calidade do produto e que poderá ser empregado por todas as entidades de envasado de auga mineral -actualmente son 11- e polos 21 balnearios existentes en Galicia. “Trátase dunha marca específica que permitirá trasladar a imaxe de innovación, de calidade e de diferenciación das nosas augas minerais e termais”, apuntou o conselleiro de Economía, Francisco Conde.

Por outra banda, a colaboración entre ambas institucións tamén servirá para desenvolver a aplicación móbil Terras da Auga para o sistema operativo Android, a través da cal se poderá consultar a localización dos mananciais de auga mineral e dos balnearios, así como dos perímetros de protección dos acuíferos existentes en Galicia. Tamén se actualizará a versión xa existente para o sistema iOS.

Artigos relacionados

Back to top button