EconomíaEconomíaÚltima hora

Xunta e Iberdrola analizan o proxecto para desenvolver a central hidroeléctrica Conso II

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes da empresa enerxética e tamén cos alcaldes de Viana do Bolo e Vilariño de Conso

 

Neste luns a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, avaliaban o proxecto para desenvolver a central hidroeléctrica Conso II, logo de que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade emitise o informe de impacto ambiental (publicado xa no DOG) sobre a apertura dunha galería de investigación xeolóxica, que é un paso clave para levar a cabo esta iniciativa.

Durante unha reunión que mantiveron esta tarde en Santiago de Compostela, e na que tamén participaban o director de xeración da conca Sil de Iberdrola, Miguel Ángel López; e os alcaldes de Vilariño de Conso, Melisa Macía, e de Viana do Bolo, Andrés Montesinos, a conselleira puxo en valor que este proxecto suporía implantar un novo aproveitamento hidroeléctrico reversible que aproveitaría os embalses existentes de Cenza e O Bao, a través da construción dun circuíto subterráneo de conexión, e permitiría un reforzo de potencia para as centrais existentes.

Aínda que o proxecto está pendente de obter as correspondentes autorizacións, licenzas, permisos e informes legalmente esixibles.

Trataríase dunha central reversible, que produce enerxía cando a demanda de consumo o require e bombea a auga turbinada desde o embalse en cota inferior ao de cota superior cando diminúe a demanda eléctrica para volver ter esa auga en disposición de turbinación, segundo a información da Xunta.

Durante o encontro, a conselleira incidiu no compromiso do Goberno galego por apostar por un desenvolvemento sostible que respecte o medio ambiente e que permita á Comunidade avanzar cara á descarbonización e á neutralidade climática.

 

Back to top button