OurenseÚltima hora

Xuntanza en Taboadela para a posta en marcha do proxecto “RE-HABITA RURAL LAB”

Nesta iniciativa participan os concellos de San Xoán de Río, Porqueira, Boborás, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oimbra, Esgos, Taboadela e Coles

Cedida.

 

Este martes 25 de marzo ás 11:00h. celebrábase unha xuntanza no Concello de Taboadela para artellar a posta en marcha do proxecto “RE-HABITA RURAL LAB: Ecosistema de innovación para a rehabilitación e rexeneración do Patrimonio Rural destinado ao alugueiro social das mulleres”.

O encontro contaba coa participación de representantes da maioría dos nove municipios que integran esta iniciativa: San Xoán de Río, Porqueira, Boborás, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oimbra, Esgos, Taboadela e Coles. Así mesmo, estivo presente a consultora responsable do deseño do proxecto, Eva Castro.

A xuntanza discorreu nun ambiente de gran cordialidade e cun firme compromiso por parte de todas as persoas asistentes. O obxectivo principal foi debullar as estratexias para a xestión eficiente dos fondos recentemente concedidos polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, e a distribución intelixente das tarefas entre os diferentes Concellos.

Durante a sesión, abordáronse aspectos chave para o desenvolvemento do RE-HABITA RURAL LAB, propiciando un diálogo construtivo e unha planificación conxunta que permitirá avanzar con paso seguro cara á materialización dos obxectivos definidos.

Os representantes dos concellos expresaron a súa fonda convicción no poder transformador deste proxecto para “o noso patrimonio rural e para facilitar o acceso digno á vivenda. Existe un sentir unánime de que o RE-HABITA RURAL LAB será un motor de cambio positivo e un referente para outras iniciativas na provincia”.

Tras esta xuntanza, os concellos e a consultora teñen previsto traballar “man a man na execución das seguintes fases do proxecto, que inclúen a administración do financiamento, a contratación de persoal cualificado e a activación das diversas accións programadas”.

Sobre RE-HABITA RURAL LAB

RE-HABITA RURAL LAB é un ecosistema de innovación concibido para a rehabilitación e rexeneración do patrimonio rural, co propósito de destinalo ao alugueiro social de mulleres nos Concellos de San Xoán de Río, Porqueira, Boborás, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oimbra, Esgos, Taboadela e Coles. Este proxecto, que naceu da unión de concellos con experiencia previa en iniciativas de desenvolvemento rural e da incorporación de novos membros interesados, logrou un financiamento de 260.941,2€ na proposta de resolución definitiva do 14 de marzo.

Artigos relacionados

Back to top button