Escaparate enolóxico, pero tamén turístico e cultural. Así define o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, á Feira do Viño deste municipio que celebrará a súa trixésimo sexta edición na fin de semana do 31 de marzo e 1 de abril. O recinto feiral instalarase na rúa Real, no centro da vila, e nel poderán catarse os viños de sete colleiteiros: Gaspar Álvarez (As Medas), Elías González (Carballo de Hospital), Antonio Vázquez e José Luis Rodríguez (San Xulián de Abaixo), María Oliva Cao (Bendollo), Alfonso Núñez (Novaes) e Secundino Rodríguez (Toucedo).
A inauguración da mostra está prevista para ás 11:45h. do sábado día 31, un cuarto de hora despois terá lugar o encontro infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. A partires das cinco da tarde continuarán as actuacións musicais, neste caso da man da Banda de Gaitas San Martiño e ás sete da tarde, no Auditorio, subiranse ao escenario outros grupos locais de música tradicional: a Coral Polifónica de Quiroga, os grupos de danza San Martiño e Arume.
Ás oito e media terá lugar a lectura do pregón, desta volta a cargo da xornalista e presentadora viguesa Carlota Corredera. A festa continuará pola noite coa actuación do Grupo Atenas. O recinto feiral reabrirá as súas portas na xornada do domingo 1 de abril.