
Esta tarde presentouse a 47 edición do Rallye San Froilán, que se celebrará o vindeiro sábado 18 de outubro co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación, principal apoio institucional da proba.
O rallye, organizado pola Escudería Miño, disputarase con catro treitos, a dobre pasada, en Outeiro de Rei, no Corgo, en Samos e entre O Páramo e Goián (Sarria), que suman máis de 93 quilómetros cronometrados.

O treito de Samos é a gran novidade do percorrido do rallye, que conta con 142 pilotos inscritos e que decidirá o Campionato Galego de Asfalto. Víctor Senra e Alberto Meira son os pilotos con opcións de facerse co título galego ao final da proba que, segundo destacaron desde a organización, reúne “a mellor lista de inscritos do Campionato”, con tres coches da categoría World Rallye Cars e sete da R5.
Na súa intervención, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro ratificou o apoio da institución provincial a unha proba que “converte Lugo no punto de referencia de todos os afeccionados e afeccionadas ao automobilismo galego” e que “ano a ano refrenda co seguimento nas estradas, pero tamén coa gran participación de equipos e escuderías locais, que somos unha provincia de deportes de motor”.

Efrén Castro enmarcou o apoio ao rallye “nas accións de apoio automobilismo que poñemos en marcha desde a Vicepresidencia da Deputación van dirixidas precisamente a manter esa actividade de base” e citou “a liña de axudas específica para pilotos de rally que se convoca anualmente” e “a organización, conxuntamente con PTC Escuela e co Concello da Pastoriza, do Volante Deputación, que ofrece a pilotos noveis posiblidade de participar de forma gratuíta no rallye”.
O rallye comezará coa cerimonia de saída, que se celebrará o venres ás 19.30 horas na praza da Horta do Seminario. A disputa dos treitos concentrarase o sábado.
