Axentes da Policía Nacional detiveron a 15 persoas nas provincias de Ourense, Albacete, Badaxoz, Barcelona, As Palmas, Madrid, Málaga, Murcia e Santa Cruz de Tenerife por distribuír e ter, presuntamente, material de abuso sexual infantil a través da rede social Twitter. Entre os detidos atópase un “comprador de material pedófilo de extrema dureza, cuxas imaxes e vídeos estaban protagonizados, na súa maioría, por bebés agredidos sexualmente de forma sádica e mediante prácticas de zoofilia. Durante a operación foron identificados dous menores”, tal e como informa a Policía Nacional.
As investigacións comezaron cando a Policía Nacional recibiu, a través da Embaixada de Estados Unidos en España, información procedente do organismo internacional Centro Nacional para Menores Desaparecidos e Explotados (NCMEC), pola presunta comisión dun delito de distribución e tenencia de material de abuso sexual infantil a través de Internet, levado a cabo en España.
Foi a compañía Twitter quen denunciou, a través deste organismo, que varios dos seus usuarios publicaran material audiovisual de explotación sexual infantil nas súas contas, procedendo de forma inmediata ao bloqueo e eliminación da conta dos usuarios que publicaran este contido.
“Tras unha análise exhaustiva das denuncias por parte dos investigadores, logrouse a plena identificación de 21 conexións xestionadas por provedores de acceso a Internet ( ISP) situados en España, desde as que se compartía material ilegal a través da mencionada rede social. Con toda esta información, procedeuse á detención de 15 persoas. Delas, catro foron detidas na provincia de Barcelona, tres na de Madrid, dúas en Málaga, e unha nas de Albacete, Badaxoz, As Palmas, Murcia, Ourense e Santa Cruz de Tenerife”, indica a Policía Nacional.
Imaxes moi duras protagonizadas, principalmente, por bebés
No transcurso dun dos rexistros efectuados na provincia de Barcelona, púidose comprobar que o detido, ademais de distribuír material ilegal a través das redes sociais, levaba a cabo unha intensa actividade de procura na rede de material pornográfico infantil pre- púber. A todo isto súmase que efectuaba compras deste tipo de material na rede. Durante o rexistro domiciliario, localizáronse diferentes directorios, algúns ocultos, que contiñan exclusivamente imaxes moi duras protagonizadas por menores de moi curta idade, a maioría bebés.
Durante a operación, os axentes interviñeron 19 teléfonos móbiles, 14 computadores portátiles, seis discos duros, catro memorias, tres tabletas, unha tarxeta de memoria e tres DVD/CD.
A Policía Nacional lembra aos usuarios de calquera rede social a importancia de non compartir ou gardar este tipo de imaxes de menores, xa que estarían a incorrer na comisión dun delito. Para iso, existe a posibilidade de denunciar o contido na propia rede social ou #ante Policía Nacional, mediante o correo electrónico denuncias.pornografia.infantil@policia.es.