ConcellosÚltima hora

Dezaseis establecementos hostaleiros participarán, o 30 de marzo, no VII Barathón de Trives

A ruta arrancará ás 18h. na praza do Pilón e rematará ás 22h. na rúa San Martiño
Participantes na pasada edición do Barathón de Trives.

Coa idea de misturar o valor social dos pubs irlandeses e o popular Barathón de Montevideo (Uruguai), hai hai 7 anos nacía, da man da Asociación Cultural Ríomola, o primeiro Barathón de Trives, unha ruta reivindicativa polos bares da vila. Ano tras ano o evento segue aumentando en participación e repercusión, superando os 350 participantes na pasada edición. Nesta ocasión a cita será este venres 30 de marzo, con inicio ás 18h. na praza do Pilón e remate ás 22h. na rúa San Martín.

Ás 18 horas repartiranse de forma gratuíta os pasaportes para poder participar no evento (está prohibida a participación de menores de idade) e dende ese momento a xente terá 4 horas para intentar completar unha consumición en cada un dos 16 locais participantes nesta VII edición. En cada bar, tras abonar a consumición, o hostaleiro porá o selo do local no pasaporte, ofrecendo pinchos de xeito gratuíto aos participantes.

A ruta rematará ás 22h. e toda a xente que completara o percorrido entregará os seus pasaportes na rúa San Martín á organización para a súa verificación. En caso de completar todos os locais participantes entrará nun sorteo que se celebrará as 22:15h. nesa mesma rúa cos agasallos donados polos establecementos, que poden ser ceas en restaurantes de Trives, bicas, horas de pádel, botellas de herbas ou licor café…

Tralo sorteo rematará o Barathón pero non a festa, xa que pola noite os participantes terán descontos e regalos en locais de ocio nocturno de Trives.

O día anterior celébrase a festa da Xuventude de Trives e ao día seguinte a Ruta das Covas de Seadur, convertendo a Trives “no epicentro da festa galega en Semana Santa”, aseguran dende a organización.

 

Cartel do VII Barathón de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button