
Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, celebra o seu 25º aniversario en Expourense entre o 24 e o 27 de outubro e un dos obxectivos desta edición tan especial será buscar (e atopar) a mellor tortilla de patacas de Galicia. Para iso, converterase na sede do I Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia que se celebrará o 24 e o 25 de outubro. O obxectivo desta actividade é promover a cultura da tortilla de patacas gourmet tanto entre o gremio hostaleiro como entre o consumidor final.
O I Campionato de Galicia de Tortilla de Patacas incluirá dúas categorías: a de Tortilla de Patacas “Con…” que se celebrará o venres 25 pola mañá e na que participan 12 hostaleiros e a de Tortilla de Patacas Tradicional que contará con 16 finalistas. Os participantes foron seleccionados por un xurado de expertos que percorreron boa parte da comunidade galega visitando aqueles bares ou restaurantes nos que a tortilla de patacas destaca como unha das súas especialidades e que son moi populares entre o público.
Aínda que a competición concéntrase na xornada do venres, o día anterior celebrarase un Simposio sobre a Tortilla de Patacas que conta cun coidado programa de actividades abertas ao público xeral e pensadas para o público hostaleiro en particular, que complementarán o campionato e incidirán na idea de achegar ao público e á hostalería a figura da tortilla gourmet, a tortilla como prato que pode competir a nivel nacional e internacional coas máis sofisticadas creacións culinarias.
Este Congreso arrinca o xoves 24 ás 16 horas coa entrega de tres premios á Traxectoria Histórica cos que a organización do Campionato recoñecerá á pequena pero moi simbólica localidade de Coirós (A Coruña) e a tres veciños desta vila que xogaron un papel determinante na relevancia da Tortilla de Patacas: Carmen Tomé do restaurante Casa Tomei de Coirós, José Manuel Crespo “Crispi” do O Manxar da Coruña, figura clave na modernización e posta ao día da tortilla de Betanzos e Pablo Tomé, impulsor do Concurso e a Semana da Tortilla de Betanzos.
Tras estas homenaxes, ás 17:15 terá lugar un debate sobre a tortilla de Betanzos no que se abordará a historia, actualidade e futuro da mesma. Paralelamente a esta mesa redonda, terán lugar, entre as 17:15 e as 19:30, catro relatorios-demostración de elaboración de tortillas de patacas da man de Carlos Boado (O Caserío de Tión, Coirós), Javier Izquierdo (Mesón El Viso, Gumiel de Mercado, Burgos), Samuel Curbeira (Cafetería Ankha, Ferrol) e Ramón Rodríguez (O Cabo, A Coruña, actual campión de España).
O público asistente aos relatorios poderá probar as tortillas realizadas nas mesmas. Así mesmo, os asistentes poderán realizar cantas consultas e preguntas crean necesarias aos oficiantes. Finalmente, tras as demostracións, ás 19:30, terá lugar unha cata de diferentes patacas da IXP Pataca de Galicia dirixida por José Antonio Chao e cociñadas polos responsables de Mesón O Pote, Tizona, A Teulada e O Cabo.



