ConcellosÚltima hora

16 locais participan na VI edición do Barathón de Trives este Venres Santo

Esta festa, que vai medrando en repercusión e participantes, celébrase mañá 14 de abril a partires das 17h.

A raíz de misturar o valor social dos pubs irlandeses e o popular Barathón de Montevideo (Uruguai) e da man da Asociación Cultural Ríomola nacía hai seis anos o Barathón de Trives. Unha festa que foi medrando en repercusión e participación e que este ano celébrase mañá, Venres Santo (14 de abril) seguindo a mesma liña da anterior edición.

Ás 17 horas repartiranse de forma gratuíta os pasaportes para poder participar no evento e darase o pistoletazo de saída á xente que terá “5 horas para intentar completar unha consumición en cada un dos locais participantes, un total de 16 nesta edición”, explican dende a organización. En cada bar, tras abonar a consumición o hostaleiro porá o selo do local no pasaporte e ofrecerá pinchos de xeito gratuíto aos participantes.

As 22h. concluirá o Barathón e toda a xente que completara o percorrido entregará os seus pasaportes na praza do Reloxo á organización para a súa verificación. En caso de completar todos os locais participantes entrará nun sorteo que se celebrará as 22:15 na mesma praza. No sorteo repartiranse os agasallos donados polos locais participantes que poden ser ceas en restaurantes de Trives, bicas, horas de pádel, botellas de herbas ou licor café…

Tralo sorteo rematará o Barathón pero non a festa, xa que pola noite os participantes do Barathón terán descontos e regalos en locais de ocio nocturno de Trives.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button