DeportesGalerías de fotosÚltima hora

16 medallas para o atletismo galego no nacional de 10K, no Barco

 

Un total de 16 medallas sumaba o atletismo galego no Campionato de España de 10K Absoluto e Máster que tivo lugar no día de onte no Barco de Valdeorras. Un resultado que a Federación Galega de Atletismo (FGA) cualifica de “excelente”.

Máis 500 deportistas achegados de todos os recunchos do Estado percorreron as principais rúas da vila barquense, “que non escatimou recursos nin medios para que novamente, e como xa sucedera no ano 2012 co Nacional de Milla en Ruta, esta edición resultara un éxito de participación”, destaca a FGA.

Excelentes resultados

Nos resultados que se produciron a nivel individual compre salientar os formidables títulos de campións de España logrados tanto por Luz María Domínguez do Burgas Ourense na categoría F60, como por parte do atleta do C.A. O Pino Juan José Alvarez gañador destacado da categoría M45.

Novamente, e como xa fixera no ano 2015 na que se proclamou campión nacional absoluto da distancia, o ourensán Alejandro Fernández do ADA Calviá volvía estar no podio ocupando o segundo posto na categoría M35 ao igual que facían no mesmo posto os atletas dun notabilísimo ADAS CUPA nas mans de Iván Docampo na M40, Ricardo Vázquez na M45 e José Manuel Fernández na M50.

 

 

Para Friol vixaba unha nova medalla logo de que Nemesio Gutiérrez se acabara proclamando subcampíón nacional na M65. Non nos esquecemos tampouco dos excelentes metais de bronce colleitados tanto por José Angel Pita na M65, como por parte de Domingo Álvarez do Egovarros de Viveiro na M70.

Xa na categoría feminina, a plusmarquista nacional dos 5.000 m. e atleta olímpica Julia Vaquero do S.D. Compostela Atletismo, lograba unha sensacional medalla de bronce na categoría F50. Mesmo metal de bronce o que tamén lograba a lucense do Lugo Running Nuría Pastor na F55.

E ademais está o meritorio cuarto posto na absoluta feminina de Ester Navarrete, quen mira xa a esa importante cita da Copa de Europa de 10.000 m. na que tomará parte ca Selección Nacional.

 

 

O ADAS CUPA luciuse na casa

No tocante ás medallas por clubs, sería o ADAS CUPA quen colleitaba nada menos que un total de catro títulos nacionais logo de resultar o mellor equipo nas categorias máster masculinas de M40, M45 e M50 así como a categoría femenina da F40 podio este ultimo, no que estarían acompañados no segundo posto pola entidade do Club Atletismo Sada.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button