ConcellosÚltima hora

19 de marzo, un día para render homenaxe á figura paterna

 

Trátase dunha xornada de homenaxe e sobre todo de agradecemento á figura paterna, aínda que nos últimos tempos tamén se ten convertido nunha ocasión especial de xuntanza familiar para compartir un xantar, entregar agasallos e sobre todo dar valor e sentido á paternidade. O Día do Pai celébrase en multitude de países de todo o mundo, aínda que non en todos na mesma data. Por exemplo, en Latinoamérica esta celebración ten lugar o o terceiro domingo de xuño; en cambio, en España faise o 19 de marzo, coincidindo coa tradición católica da festa de San Xosé.

 

 

Segundo conta o Evanxeo, tras recibir a ordenanza de Deus, Xosé asumiu a paternidade de Xesús, educouno, preparouno para a súa función no mundo e protexeuno. Este comportamento modélico acabou por convertelo nun dos santos máis venerados pola comunidade cristiá, en recordo á súa fe, fidelidade e xustiza. A narración relixiosa da súa vida tamén contribuíu a facer popular a súa figura como a do pai por excelencia.

 

 

Relacionado coa paternidade de San Xosé, está tamén o feito de que os que comparten nome co santo (onomástica o mesmo día do pai) sexan tamén coñecidos co nome de Pepe. A explicación a este feito témolo en que Xosé non era o pai biolóxico de Xesús senón o seu pai putativo, é dicir, aquel que asume as funcións de paternidade sen ser pai. As iniciais “p.p.” derivadas do termo con que a miúdo se nomea a Xosé nalgúns fragmentos do Evanxeo, chegaron incluso a figurar nalgunhas das representacións artísticas do santo. A partires de aí, o uso popular desas iniciais foi tal que acabaron por empregarse como diminutivo das persoas bautizadas co nome de Xosé, tan espallado pola xeografía española e moi especialmente na Comunidade Valenciana que ten no 19 de marzo o día grande das súas festas: as Fallas.

 

 

Non está claro dende cando se festexa exactamente o Día do Pai en España, pero hai quen sitúa os inicios desta celebración alá pola década dos anos 50. O si que está claro é que o 19 de marzo segue a ser un día subliñado no calendario e moi especial para as familias aínda que xa non sexa festivo. Así, quen máis quen menos celebrará a xornada, por ser pai, por ser fillo, por chamarse Xosé, Pepe, Pepa ou Xosefa.

 

 

Hoxe toca pois homenaxear aos proxenitores e para iso, un pequeno detalle serve, aínda que a sociedade actual, convida a facer algún tipo de agasallo, en sinal de agradecemento e afecto. As posibilidades son múltiples. Dende as orixinais manualidades elaboradas con agarimo polos máis pequenos, pasando por detalles especiais como o feito de que nalgunhas casas os nenos preparan o almorzo ao pai; ata outro tipo de propostas que implican xa un desembolso económico. Pode ser algunha prenda de vestir para os que gostan de ir á ultima moda, tamén algunha colonia, un reloxo ou incluso unha carteira. Hai quen se fixa nas afeccións que poden ir dende un libro, unha cámara fotográfica ou elementoe complentarios da mesma ata ferramentas de bricolaxe. E xa dende os últimos anos ganan terreo a gran velocidade os agasallos tecnolóxicos como os teléfonos ou algún que outro aparello electrónico de última xeración. Mesmo hai que pensa en entradas de cine ou de teatro. Dar co agallaso máis acaído acostuma ser cuestión de investigar un pouco, botarlle imaxinación e contar cos gustos do homenaxeado en cuestión. Pero sexa cal sexa o agasallo escollido nesta ocasión, o realmente importantes é ofrecelo e entregalo como unha mostra de cariño a pais ou, no seu caso, a avós.

 

 

A do Día do Pai é sen dúbida unha data para amosar agradecemento e para compartir en familia e desfrutar á vez entre varias xeracións. Tamén pode ser unha xornada para reflexionar sobre a figura paterna tendo en conta os cambios ao que constantemente está sendo sometida a sociedade.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button